top of page

CRÓNICA 1/8 DE FINAL CAMP. ESPAÑA SUB-19 DE CLUBES (NPA 7–6 ELP) | Billete a Madrid na tolemia do Mourís!

  • Jun 7
  • 3 min read
Domingo, 07/06/2026 · 19:40h | O equipo de Pablo Cardoso repetirá presenza na fase final do Campionato de España Sub-19 de Clubes tras impoñerse a un gran rival nun duelo de constantes intercambios, alta voltaxe e ambiente espectacular no feudo noiés.
Domingo, 07/06/2026 · 19:40h | O equipo de Pablo Cardoso repetirá presenza na fase final do Campionato de España Sub-19 de Clubes tras impoñerse a un gran rival nun duelo de constantes intercambios, alta voltaxe e ambiente espectacular no feudo noiés.

O Xuvenil DH do Noia Portus Apostoli FS volveuno a facer. Igual que hai un ano, equipo e moi numerosa afección foron un para selar a clasificación (7-6) á fase final do Campionato de España Sub-19 de Clubes, despois dun auténtico partidazo fronte a Aljucer ElPozo Murcia FS, cargado de goles e emoción desde o inicio.


Isto último non é unha forma de falar. Transcorría apenas o minuto 2 cando Koeman adiantaba ao Portus Apostoli e inauguraba as hostilidades. A alegría local foi efímera, xa que os charcuteiros lograrían darlle a volta ao marcador e, incluso, colocarse con dous tantos de vantaxe aínda no minuto 6 de xogo. Lonxe de virse abaixo, os de Pablo Cardoso souberon minimizar danos e antes do 10’ xa igualaran de novo, grazas ao dobrete de Oliver Chenel.


O reparto continuou por parte do Aljucer ElPozo Murcia FS, que no minuto 12 converteu o 3-4. Outra vez, os brancos tiñan que remar contracorrente e fixérono sen titubear para, incluso, alcanzar o descanso por diante no electrónico. O empate a catro chegou nunha acción de estratexia desviada involuntariamente a gol por un murciano e, a tres minutos de encarar vestiarios, un zapatazo afastado de Álvaro puxo o 5-4 e ergueu a un Mourís que vía neste o último tanto dunha primeira metade de tolos.


9 goles en 20 minutos de tolemia.
9 goles en 20 minutos de tolemia.

Sen respiro


Os charcuteiros saíron mellor á segunda e, por terceira ocasión no choque, posicionáronse en vantaxe con dous goles en cuestión de segundos entre o 28’ e o 29’. O Noia conseguiu manter a calma e, tras empatar por medio de Iago López, recuperou a primacía co decisivo gol de Gabi nun lanzamento sen barreira próximo á área. O único que os noieses lograron aproveitar, xa que marraron outros tres.


Os últimos minutos estiveron marcados pola emoción, a tensión e o empuxe do Aljucer ElPozo co xogo de cinco. Non obstante, os murcianos foron incapaces de impoñerse á resistencia e a fortaleza dun Portus Apostoli que, xunto a unha afección máis entregada que nunca, certificou o triunfo e o billete a Madrid.


Próximo partido


Os noieses, xa na fase final do Campionato de España Sub-19 de Clubes, enfrontaranse na rolda de cuartos de final ao Voladuras Carthago Jimbee Cartagena o venres 19 de xuño en Madrid.



Ficha técnica

Noia Portus Apostoli FS: Mosquera (p), Álvaro, Koeman, Iago López e Oliver Chenel. Tamén xogaron Cristian (p), Jorge Santiago, Danito, César (c), Cepeda, Xavi Souto, Gabi, André e Miguel Romero.


Aljucer ElPozo Murcia FS: José Javier (p), José Manuel, Jose Mellado (c), Hakim e Jesús Villegas. Tamén xogaron Germán Blázquez (p), Iván González, Luan Mathoso, Francisco García e Cristian Vacas.


Goles: 1-0 Koeman (2’), 1-1 Jose Mellado (2’), 1-2 Jesús Villegas (4’), 1-3 Jesús Villegas (6’), 2-3 Oliver Chenel (8’), 3-3 Oliver Chenel (9’), 3-4 Cristian Vacas (12’), 4-4 Iván González, en propia portería (15’), 5-4 Álvaro (17’), 5-5 Luan Mathoso (28’), 5-6 José Manuel (29’), 6-6 Iago López (32’), 7-6 Gabi (35’).


Os árbitros Adrián Rodríguez e David Hernández, do comité castelán-leonés, amoestaron con tarxeta amarela nos noieses a Jorge Santiago (30’). Nos murcianos, amarelas a Iván González (8’), Hakim (27’), Francisco García (34’) e Jose Mellado (38’). Viu a vermella directa o adestrador visitante Alfonso Martínez (39’).


Incidencias: partido correspondente á eliminatoria a partido único de oitavos de final do Campionato de España Sub-19 de Clubes, disputado no Municipal Agustín Mourís de Noia ante uns 450 espectadores.

Comments


bottom of page