top of page

CRÓNICA 1/4 DE FINAL COPA DO REI FS (NPA 4–4 VAV, pen. 4-5) | Unha dor enorme, un orgullo xigantesco

  • 10 hours ago
  • 5 min read
Xoves, 19/02/2026 · 0:15h · Imaxe: Foto Pichero | A quenda de penaltis termina de maneira cruel co exercicio de fe e o camiño na Copa do Rei FS dos noieses.
Xoves, 19/02/2026 · 0:15h · Imaxe: Foto Pichero | A quenda de penaltis termina de maneira cruel co exercicio de fe e o camiño na Copa do Rei FS dos noieses.

O soño da Final Four da Copa do Rei FS esvaeceuse nunha noite máxica no Mourís. Só os penaltis puideron tumbar a épica actuación do Noia Portus Apostoli FS, que se dedicou a remar a contracorrente durante todo o partido e terminou morrendo na beira das súas remontadas, pero máis orgulloso que nunca.


Os primeiros minutos foron os típicos dunha eliminatoria copeira destas alturas, co risco xusto e moito respecto. Viña Albali Valdepeñas, por xogar lonxe da casa, nun feudo noiés totalmente entregado; os locais, por tratarse do seu primeiro partido en máis dun mes.


Pouco a pouco, o Portus Apostoli foi gañando metros e presenza na pista contraria. Douglas tivo a primeira clara, co seu disparo marchando mui preto do pau. Puido ter unha máis perigosa David Pazos, pero os colexiados parárono sinalando unha inexplicable falta en ataque. E, nunha das tentativas noiesas por inaugurar o electrónico, sucedeuse a primeira acción clave do encontro. Peixe fallou un pase e João Silveira aproveitou a incorporación ofensiva do meta para lograr no 14’ o 0-1 a porta baleira.


Decisións controvertidas | Imaxe: Foto Pichero
Decisións controvertidas | Imaxe: Foto Pichero

Altamirano e Churrasco gozaron de dúas chegadas importantes para restaurar o empate a continuación. O Noia buscaba inmediatamente o 1-1, aínda que o que acabou chegando foi a segunda traba no camiño. Corría o minuto 17 cando os árbitros indicaron o punto de penalti por un suposto derribo de Diego a Carrasco na área. Torres non fallou desde os seis metros e outorgou aos valdepeñeiros unha vantaxe de dous goles.


Absolutamente espectacular


O segundo tempo foi un monólogo constante noiés. Salvo dúas ou tres accións en transición dos vinateiros sen éxito -entre elas un pau de Nicolás e unha gran intervención de Schütt-, o equipo de David Palmas amasou e amasou balón e ocasións en busca da remontada, ante un Viña Albali Valdepeñas que se dedicou a aguantar o ballón confiando na súa fiabilidade defensiva.


Eran unha tras outra dos brancos, negados pola resistencia rival ou a súa propia falta de acerto. Ata que, no minuto 35, Peixe acertou cun disparo de lonxe para superar a Borja Puerta e colocar o 1-2. O éxtase da grada continuou co ingreso de Thierry como porteiro-xogador. Porén, un erro na circulación propiciou o 1-3 de Álex Naranjo que, a dous minutos do final, deixaba a eliminatoria practicamente vista para sentenza.


Ninguén baixou os brazos | Imaxe: Foto Pichero
Ninguén baixou os brazos | Imaxe: Foto Pichero

Ou iso é o que pensaríamos en calquera outro lugar. Porque no Mourís pasan cousas extraordinarias. Así o demostrou esta temporada. Os noieses puxeron todo corazón e calidade, a que hai que ter para ganduxar unha xogada marabillosa ao primeiro toque que embocou o porteiro-xogador Thierry á rede con 1’50’’ restando no crono. Tempo máis que de sobra para crer, para seguir deixándoo todo. E, repetindo a lección, a 37’’ do final Biel fixo estalar a toda unha Vila, aloxando a esférica na escadra para levar a eliminatoria á prórroga.


Máis locura no extra e a sentenza nos penaltis


Dúas partes de tres minutos cada unha por diante, na que os manchegos volveron a adiantarse bordeando o fin da primeira. De novo, un erro noiés penalizado polos visitantes, neste caso Carrasco. De nada serviron as protestas locais, que reclamaron que o balón rebasara previamente a estructura superior do teito, que sempre supuxo a sinalización de saque de banda.


Outra vez a remar contra vento e marea. Xa casi é costumbre. De novo a crer ata o final. Non é un mantra, é unha realidade. Sen perder a paciencia, esquecendo o cansancio físico e mental, tendo todo moi claro, os brancos combinaron á perfección un lance máis de cinco. E a 8 segundos da conclusión do extra, a tolemia. O 4-4. Si, fixérono outra vez. Coa camiseta de Biel voaron todas as cabezas dun Mourís que se convertiu en manicomio deportivo polo seu equipo.


Cine | Imaxe: Foto Pichero
Cine | Imaxe: Foto Pichero

A quenda de penaltis, destino final. O capitán Pazos puxo por diante aos seus co último gramo de forza. Empatou Boyis a continuación para os vinateiros un resultado que xa nunca volvería a sorrir aos locais. Adiviñou Borja Puerta as intencións de Thierry no terceiro lanzamento e, a pesar de que os noieses non fallaron máis e que Schütt e Peixe estiveron preto de repeler algún, os valdepeñeiros selaron co tanto de João Silveira o pase por 4-5 nas penas máximas.


Precisamente, pena pode definir o sentimento do Agustín Mourís tras a última execución desde os seis metros. A gran ilusión da Final Four escapábase. Pero por riba diso sobresaen o orgullo por un equipo que representa totalmente este escudo e a satisfacción de loitar por completo ata o final. A proeza rozouse, pero esta historia segue.


Próximo partido


Os brancos recibirán a ElPozo Murcia Costa Cálida FS este sábado 21 a partir das 13:00h, pola 19ª xornada de Primeira División FS.



Ficha técnica

Noia Portus Apostoli FS: Peixe (p), Churrasco, Thierry, Altamirano e Ismael. Tamén xogaron Schütt (p), Gui Lima, Montero, Macedo, Diego, Biel, Douglas, David Pazos (c) e Rubi.


Viña Albali Valdepeñas: Borja Puerta (p), Boyis (c), Alex Fonseca, Torres e Carrasco. Tamén xogaron Pato (p), José Mario, Nicolás, Álex Naranjo, João Silveira e Ribeiro.


Goles: 0-1 João Silveira (14’), 0-2 Torres, de penalti (17’), 1-2 Peixe (35’), 1-3 Álex Naranjo (38’), 2-3 Thierry (39’), 3-3 Biel (40’), 3-4 Carrasco (43’), 4-4 Biel (46’).


Quenda de penaltis: David Pazos, gol (1-0), Boyis, gol (1-1); Thierry, para Borja Puerta (1-1); Carrasco, gol (1-2); Altamirano, gol (2-2); Torres, gol (2-3); Ismael, gol (3-3); Álex Naranjo, gol (3-4); Biel, gol (4-4); João Silveira, gol (4-5).


Os árbitros Alberto Sarabia Eguiluz, do comité andaluz, e Antonio Pablo Navarro Rodríguez-Villán, do comité catalán, amoestaron con tarxeta amarela nos noieses a Macedo (32’), Peixe (43’) e Biel (46’). Nos vinateiros, amarela a Torres (28’).


Incidencias: partido correspondente á eliminatoria a partido único de cuartos de final da Copa da S. M. O Rei FS, disputado no Municipal Agustín Mourís de Noia ante uns 750 espectadores. No palco de autoridades estivo presente o considerado un dos mellores xogadores da historia do fútbol sala, Ricardinho.


Ricardinho, no centro, xunto a Severino Barreiro, presidente do Club, e Champimuros | Imaxe: Foto Pichero
Ricardinho, no centro, xunto a Severino Barreiro, presidente do Club, e Champimuros | Imaxe: Foto Pichero

Comments


bottom of page