top of page

CRÓNICA 4ª ELIMINATORIA COPA DO REI FS (VRT 3–6 NPA) | A oitavos!

  • Writer: Departamento prensa Noia PA FS
    Departamento prensa Noia PA FS
  • Nov 19
  • 2 min read
Mércores, 19/11/2025 · 10:12h · Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS | O Portus Apostoli cumpre en Tafalla e estará no bombo do sorteo de oitavos de final do torneo do KO.
Mércores, 19/11/2025 · 10:12h · Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS | O Portus Apostoli cumpre en Tafalla e estará no bombo do sorteo de oitavos de final do torneo do KO.

O Noia Portus Apostoli FS obtén o billete para os oitavos de final da Copa do Rei FS. Para iso tivo que superar a un correoso Vulcanizados Ruiz Tafa FS, que non llelo puxo fácil en ningún momento.


Os navarros, incluso, estiveron por diante no marcador 16 minutos. Os que pasaron desde o penalti transformado por Íñigo no 4’ ata o empate de Leozin a escasos segundos do descanso. Entre medias, a lesión de Diego e un dominio incontestable dun Portus Apostoli que, aínda que incómodo coa superficie da pista, viviu permanentemente en campo contrario, malgastando numerosas chegadas.


A defensa en bloque baixo local complicou a tarefa | Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS
A defensa en bloque baixo local complicou a tarefa | Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS

Koeman protagonista e Oliver debutante


Ismael deulle a volta ao marcador aos catro minutos do reinicio, convertendo un tiro libre indirecto. O Tafa FS non se daba por vencido, e a continuación fixo traballar a Schütt en dúas claras ocasións. Nada puido facer o meta brasileiro no gol de Jesús Preciado, que devolvía a igualada e encendía á súa xente na grada.


O guión non cambiou. O Noia tiña o control do esférico e buscaba insistentemente derrubar a resistencia local. Nesas, Koeman aproveitou a súa oportunidade e destapouse como o home clave. O á do Filial de 17 anos -cumprirá 18 en decembro-, na súa primeira convocatoria do curso, anotou o terceiro a pracer tras pase de Ismael e entregoulle o cuarto tanto a Douglas despois dunha formidable xogada individual.


O rapaz desatascou o marcador | Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS
O rapaz desatascou o marcador | Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS

Xa con porteiro-xogador e a un minuto do final, o gol do navarro Martín devolveu a emoción, pero dúas boas defensas na inferioridad concluídas coas dianas de Altamirano e Douglas remataron con calquera opción de sorpresa. Ademais, nos últimos segundos produciuse o debut de Oliver Chenel, pivote do Filial en idade xuvenil que foi a gran novidade da convocatoria. Co asubío final certificouse o obxectivo cumprido para os de David Palmas, que prolongan unha rolda máis a ilusión pola Copa do Rei FS.


Próximo partido


Os brancos visitarán ao Industrias Santa Coloma este sábado 22 ás 16:30h pola 11ª xornada ligueira.



Ficha técnica

Vulcanizados Ruiz Tafa FS: Planillo (p), Íñigo, Unai, Mario e Natxo. Tamén xogaron Crespo, Pablo, Jesús Preciado, Martín, Nefi, Xabi, Bailón e Aitor (c).


Noia Portus Apostoli FS: Schütt (p), Montero, Diego, Douglas e Biel. Tamén xogaron Altamirano (c), Varsalona, Leozin, Koeman, Oliver Chenel, Thierry, Ismael e Churrasco.


Goles: 0-1 Íñigo, de penalti (4’), 1-1 Leozin (20’), 1-2 Ismael (24’), 2-2 Jesús Preciado (26’), 2-3 Koeman (30’), 2-4 Douglas (36’), 3-4 Martín (39’), 3-5 Altamirano (40’), 3-6 Douglas (40’).


Os árbitros Eder Gómez de Salazar Fernández (comité vasco) y Fernando Faubell Zaldívar (comité aragonés), amoestaron con tarxeta amarela nos tafalleses a Jesús Preciado (40’). Nos noieses, amarela a Koeman (28’).


Incidencias: partido correspondente á cuarta eliminatoria da Copa do Rei FS, disputado no Polideportivo CIP Tafalla (Laboral) ante uns 700 espectadores.

Comments


bottom of page