Novembro suma unha competición
- Departamento prensa Noia PA FS

- Nov 1, 2025
- 2 min read

Frío, chuvia, cambio de hora e a Copa do Rei FS. É dicir, chega novembro. O penúltimo mes de 2025 engade unha competición máis para os noieses, que, ademais, disputarán outros catro encontros da Primeira División FS.
Empezando xustamente o día 1. Os brancos buscarán seguir facéndose fortes na casa ás 20:00h fronte ao Servigroup Peñíscola FS, conxunto ao que nunca superou. A seguinte finde será de descanso, a ter disputado xa o Portus Apostoli o seu compromiso da xornada 9. A continuación, os de David Palmas repetirán como locais. Sábado 15 ás 17:00h contra o Movistar Inter FS, no que será o regreso de Pirata ao Mourís.

Tres ou catro días máis tarde, rumbo a Tafalla para a estrea na Copa do Rei FS. Os noieses enfróntaranse ao Vulcanizados Ruiz Tafa FS, da Segunda División FS, nun inédito partido pola cuarta eliminatoria copeira con horario aínda por determinar. E de Navarra a Cataluña para volver a poñer o chip en ‘modo Liga’ coa visita ao Industrias Santa Coloma o sábado 22 ás 16:30h. O último compromiso de novembro producirase o sábado 29 ás 20:00h no Mourís, recibindo ao Córdoba Patrimonio de la Humanidad pola 12ª xornada ligueira.
Cinco partidos que deseñarán boa parte do sino do Noia Portus Apostoli FS no tramo final da primeira volta. Na Copa do Rei FS, por seguir adiante nun torneo sinónimo de ilusión; e na Primeira División FS, coa ambición de continuar mirando cara arriba na táboa.











Comments