top of page

CRÓNICA 1/4 DE FINAL XXXV COPA GALICIA FS (COR 1–10 NPA) | A semifinais con autoridade

3 hours ago
3 min read
Xoves, 26/11/2026 · 10:40h · Imaxe: Foto Pichero | Os noieses superaron sen complicacións a estrea na competición autonómica.
Xoves, 26/11/2026 · 10:40h · Imaxe: Foto Pichero | Os noieses superaron sen complicacións a estrea na competición autonómica.

A base de seriedade e firmeza, o Noia Portus Apostoli FS demostrou a súa superior categoría e converteu nun trámite o debut na XXXV Copa Galicia FS, pasando por enriba (1-10) do IES Coruxo FS para confirmar a súa presenza na semifinal.


Os noieses cumpriron as tarefas e David Palmas puido dosificar esforzos, tal e como planificara, algo potenciado ao colocar o marcador de cara rapidamente. Altamirano, no seu partido oficial 150 no Club, abriu a lata no minuto 3, no lugar exacto para aproveitar un rexeite do meta local a tiro de Nico Cuello. O vigués foi un dos catro filialistas con participación no choque, xunto a Oliver Chenel, Mosquera e Cristian, estes dous últimos turnándose en cada parte na portería con pouco traballo en liñas xerais. Aínda que o momento máis agardado e especial produciuse co ingreso na pista de Leozin, de volta aos terreos de xogo máis de once meses despois.


O tanto inaugural deu máis confianza a un cadro noiés que dominou claramente a pelota e, aparte dun man a man ben resolto por Mosquera, monopolizou as ocasións, coas que seguiron caendo os goles. Entre o 6’ e o 13’ sucedéronse catro máis, un de Mykytiuk e tres de Montero, o gran protagonista dun primeiro acto que tivo a noticia negativa da lesión de Macedo.


A volta ao baile | Imaxe: Foto Pichero
A volta ao baile | Imaxe: Foto Pichero

Mantendo a solidez


Xa co sexto, obra de Dani Colón, no electrónico, o Portus Apostoli entregou no 22’ a súa única concesión do partido en forma de gol local, co que o Pavillón As Travesas correspondeu aos seus. A partir de aí, os noieses, que estrearon en compromiso oficial a segunda equipación, mantiveron o control, non quitaron o pé do acelerador e deixaron selo de calidade con catro golazos máis. Ao escadrazo de Biel de falta directa seguiulle o raso do filialista Nico Cuello, definindo á perfección coa súa perna menos boa. Xa no tramo final, repetiu Dani Colón cunha gran manobra na área e Rubi anotou o 10º e definitivo elevando o coiro sobre o porteiro opoñente.


Desta maneira se pechou unha noite na que o Noia se confirma como semifinalista autonómico por oitava edición consecutiva, dando o primeiro paso no intento da reconquista do trono galego.


Próximo partido


Regreso á Liga Prime Futsal para os de David Palmas, visitando ao Inter JP Financial FS o vindeiro domingo 29 ás 13:00h pola 10ª xornada do Apertura.



Ficha técnica

IES Coruxo FS: Bruno Alonso (p), Brais, Dani Lorenzo, Albert e Iago (c). Tamén xogaron Jorge Bigotes (p), Adán (p), Mauro, Bruno González, Cristian, Fernández, Antón, Pablo Rolland e Nacho Herrero.


Noia Portus Apostoli FS: Mosquera (p), Juampi Cuello, Nico Cuello, Altamirano (c) e Dani Colón. Tamén xogaron Cristian (p), Montero, Mykytiuk, Leozin, Macedo, Koeman, Biel, Oliver Chenel e Rubi.


Goles: 0-1 Altamirano (3’), 0-2 Montero (6’), 0-3 Mykytiuk (8’), 0-4 Montero (11’), 0-5 Montero (13’), 0-6 Dani Colón (22’), 1-6 Dani Lorenzo (22’), 1-7 Biel (26’), 1-8 Nico Cuello (31’), 1-9 Dani Colón (36’), 1-10 Rubi (38’).


Os árbitros Borja Darriba Villamor e Olivier Cardero Rodríguez amoestaron con tarxeta amarela ao vigués Mauro (7’). Nos noieses, amarelas a Juampi Cuello (23’) e Nico Cuello (30’).


Incidencias: partido correspondente á eliminatoria a partido único de cuartos de final da XXXV Copa Galicia FS, disputado no Pavillón As Travesas de Vigo ante uns 500 espectadores.

Comments


bottom of page