Un Xuvenil DH para a historia
- 5 days ago
- 2 min read

O Xuvenil DH do Noia Portus Apostoli FS volveu a asinar unha temporada espectacular. Si, outra vez. De feito, mellorando o conseguido na anterior. Un bicampionato de Xuvenil División de Honra FS, semifinais na Copa de España FS e cuartos de final no Campionato de España Sub-19 de Clubes. A guinda á etapa base dunha xeración dourada nas páxinas do Portus Apostoli.
O pasado 30 de maio, os brancos ergueron o seu segundo título consecutivo do Grupo 1 da Xuvenil División de Honra FS. Con máis puntos (79) e máis vitorias (26), superaron claramente os seus rexistros da 2024/2025 e impuxéronse ao CD Inter Sala Adarsa Mercedes no man a man sostido ata a última xornada. Ademais diso, os de Pablo Cardoso repetiron presenza nas dúas citas sinaladas do calendario xuvenil nacional. Tanto na Copa de España FS (en semifinais) como no Campionato de España Sub-19 de Clubes (nos cuartos), caendo en ambas ante o mesmo verdugo, o Voladuras Carthago Jimbee Cartagena. Iso si, en dous grandes partidos decididos por unha mínima marxe.
Quizais esa sexa a única espiña que leven á etapa sénior. E é que a gran maioría do plantel finalizaba nesta 25/26 o seu recorrido base. Entre eles Koeman, que o curso que vén formará parte do Primeiro Equipo; tamén Oliver Chenel, quen rematou o curso en dinámica do conxunto de David Palmas; ou Cristian, debutante en Primeira na última xornada. Son só tres dos nomes dunha xeración dourada que xa está deixando a súa pegada no Filial (ata 11 xogadores tiveron presenza no cadro de Chipi) e que queren tirar a porta dos maiores.
“Teñen que seguir e aproveitar as oportunidades”
Recoñece a progresión dos seus o adestrador, Pablo Cardoso. “O equipo mellorou moito desde o primeiro día. Todo o grupo en xeral. Nos datos de participación co Filial nótase”, afirma. Un aspecto fundamental para certificar o conseguido e con mellores rexistros, algo que tamén explica a través de que “é certo que os rapaces eran de último ano, o que nos daba algo de vantaxe”. Tamén lle dá o seu “mérito aos perseguidores, que non nos permitiron fallar, estar ao pé do cañón e esixirnos moito a nós mesmos”.
Aínda que, ben claro está, o obxectivo final é alcanzar o Primeiro Equipo. “Koeman é un caso aparte”, expresa Cardoso, que sobre Oliver Chenel di que “xa comezou a temporada co Filial e sabiamos que podía petar na porta e así o fixo” e en canto a Cristian, o outro xuvenil que xogou este curso baixo as ordes de David Palmas, di que “demostrou grandes actuacións e adestramentos que o levaron a ese premio final”. Máis aló deles, “hai moitos outros rapaces que tamén conseguiron adestrar co Primeiro Equipo”, no que define como “o camiño correcto” para unha “xeración de ouro” á que agora lle toca “seguir, aproveitar as súas oportunidades e que intenten tirar a porta”.
A nivel persoal na súa primeira campaña adestrando ao equipo, amosouse “moi contento, sentinme moi cómodo cos rapaces toda a temporada, axudáronme moito. Esperemos que a seguinte sexa igual, ou mellor”.






Comments