Poñemos a lupa a un (novo) curso de récord do Filial
- 1 day ago
- 3 min read

O Filial do Noia Portus Apostoli FS completou unha temporada histórica. Si, outra vez. Na 2023/2024 foi o incontestable ascenso; a 2024/2025 deixou un espectacular debut na Segunda División “B” FS; e nesta 2025/2026 os filialistas deron un gran paso máis na categoría de bronce, mellorando os seus rexistros e incluso loitando con participar no PlayOff de ascenso ata as últimas xornadas.
O cadro dirixido por Chipi asinou na táboa final o 5º posto con 49 puntos, unha melloría con respecto ao 8º con 48 puntos do curso da estrea na Segunda División “B” FS. Ao igual que fai doce meses, o obxectivo deportivo da permanencia consagrouse con solvencia, a cinco xornadas do final. Pasos adiante nunha categoría que, un ano máis, estivo apretadísima. Os noieses viviron esa igualdade pola parte alta da clasificación. O seu bo facer durante a campaña permitiulles soñar con meterse na fase de promoción de ascenso a Segunda ata a penúltima xornada.
E, neste caso concreto, todo iso cobra un maior mérito. Pola súa natureza, o Filial está formado íntegramente por xogadores Sub-23. De feito, máis dun terzo do plantel está aínda en idade xuvenil. Concretamente, son 6 en dinámica total do conxunto filialista: Koeman, Oliver Chenel, Álvaro, Iago López, Mosquera e Cepeda. A eles hai que sumarlles outros 5 xogadores xuvenís que, de maneira puntual, aportaron ao equipo: Xavi Souto, Jorge Santiago, Gabi, André e Miguel Romero. E sen esquecernos de que, entre os que xa son sénior, 4 cumprían o seu primeiro ano con esa condición: Brais, Mateo Varela, Nico Cuello e Koke. En total, unha idade media de 18,93 años máis propia doutras categorías.
“Non cambiaría o PlayOff porque ningún dos rapaces non xogara ningún minuto durante todo o ano”
O adestrador filialista, Chipi, valora a temporada como “moi boa”, destacando que “tocoume un grupo humano de xogadores excepcional” e “de moita calidade”, no que todos “entendemos a idea de errar no Filial, de ser valentes e ir collendo a metodoloxía de traballo do Primeiro Equipo”.
No apartado deportivo, o técnico non dubida en afirmar que os seus xogadores “deron un nivel moi alto e aí están os resultados”. Destaca, curiosamente, o gran rendemento como visitante, sección na que o Portus Apostoli “B” foi o terceiro mellor equipo do Grupo 1. “Non ten moito sentido que xente tan moza, con tan pouca experiencia, se atope tan cómoda en escenarios de visitante”, subliña Chipi.
O PlayOff quedou a un paso, pero o vigués é rotundo: “Non cambiaría o PlayOff porque ningún dos rapaces non xogara ningún minuto durante todo o ano. O mellor que fixemos este ano foi traballar ben para que os rapaces poidan ter eses minutos e o poidan aproveitar”. En total, foron 6 os xogadores do Filial que disputaron partidos baixo as ordes de David Palmas, que tirou doutros 4 para completar adestramentos, ademais dalgún xuvenil (pero iso é outra historia). “Temos unha canteira de xogadores con moito talento”, expresa Chipi, destacando a “Koeman parece que leva un pasiño adiantado, Oliver Chenel semella que se vai asentando, e despois os Nico Cuello, Teo, Brais. Estou contento porque cando o Primeiro Equipo o precisou, os rapaces foron capaces de axudar”, confesa.
O camiño está claro, ou, como di Chipi, “temos un plan. Os xogadores están, o traballo está e se somos pacientes e esperamos que cada un dea os seus pasos, conseguiremos que xogadores da canteira xoguen no Primeiro Equipo”.






Comments