
Martes, 04/02/2025 · 12:45h · Imaxe: Foto Pichero | Seis partidos de Liga, dous deles en xornada intersemanal, en 20 días.
Tras un mes de xaneiro que, máis aló da eliminación en Copa do Rei FS, sorriu ao Noia Portus Apostoli FS, cunha vitoria e dous empates en Liga e a clasificación a unha quinta final consecutiva de Copa Galicia FS, chega un febreiro cargado, con 6 partidos en apenas 20 días.
O primeiro deles, esta fin de semana. O sábado 8 ás 13:00h, os de David Palmas enfróntanse ao Jaén Paraíso Interior FS. Visita o Mourís outro equipo que o curso pasado xogou PlayOff polo título, no que foi a tónica da primeira volta. Sete días máis tarde, o sábado 15 ás 16:00h, toca desprazarse para verse as caras cun rival directo, o ATP Iluminación Tudelano Ribera Navarra FS, un duelo que, ao igual que en Zaragoza, valerá máis que tres puntos.
Coa xornada 18 chega a primeira das dúas intersemanais do mes, que se disputarán ambas en feudo noiés. O mércores 19 ás 20:30h visitará Noia a revelación da competición, o Servigroup Peñíscola FS. Tras xogar a domicilio ante o Córdoba Patrimonio de la Humanidad o sábado 22 ás 18:00h, o Mourís recibirá o martes 25 ás 20:30h a Osasuna Magna. Para pechar a maratón, o Portus Apostoli viaxará á cancha do campión de Liga e bicampión de Supercopa, o Jimbee Cartagena Costa Cálida, o venres 28 ás 21:00h.
Tres partidos como local e tres como visitante afrontarán os noieses en febreiro, co foco posto en continuar a liña ascendente demostrada no mes inicial do 2025 e a ambición de ir a pola vitoria en cada partido, especialmente se cabe na súa cancha, onde queren devolverlle de primeira man todo o cariño recibido por parte da súa xente nestes duros meses anteriores.

Comments