O pase á Final Four xógase na casa | Viña Albali Valdepeñas, rival en cuartos de Copa do Rei FS
- Departamento prensa Noia PA FS

- 2 days ago
- 2 min read

O Noia Portus Apostoli FS xogarase o billete á Final Four da Copa do Rei FS no Municipal Agustín Mourís, coa súa xente. Así o decretou o sorteo realizado este xoves pola RFEF, que emparella aos noieses co Viña Albali Valdepeñas na eliminatoria a partido único de cuartos de final que se disputará o martes 17 ou o mércores 18 de febreiro.
Nin sequera 24 horas pasaron desde que o conxunto branco superara (0-4) ao Heredia 21 Málaga Ciudad Redonda FS, grazas aos tantos de Thierry, Churrasco, Montero e Douglas. Unha vitoria que coloca por segunda vez na súa historia aos noieses nos cuartos de final e, por tanto, a un partido da Final Four. Na mesma situación están os outros sete equipos superviventes, tamén de Primeira, presentes no bombo esta mañá coa ilusión por todo o alto.

Viña Albali Valdepeñas, último escollo a superar para facer historia
Dos oito equipos que se adentrarán en febreiro na rolda de cuartos de final, só o Noia Portus Apostoli FS non sabe o que é disputar unha Final Four desta competición ou unha fase final nacional en xeral. De feito, o seu rival nos cuartos incluso alcanzou unha final. O Viña Albali Valdepeñas rozou o metal en 2022, cando caeu ante a UMA Antequera (3-2) en Jaén. Nesta edición, os do ex técnico noiés Marlon Velasco deixaron polo camiño ao Sporting La Nucía FS (1-8) e ao Family Cash Alzira FS (4-0), nunha temporada na que ademais están realizando un destacado papel na Liga, onde se sitúan 5º con 22 puntos. Un precedente deste curso no escenario do próximo duelo, favorable aos noieses (3-1) e outro na Copa do Rei FS na 20/21, cando os nosos militaban en Segunda, que se decidiu con triunfo manchego (1-4).












Comments