O conxunto filialista pretende continuar co seu historial perfecto de vitorias este domingo 5 ás 18:15h no Municipal de Baiona.
Continúa a travesía para o xa líder en solitario da Terceira División FS este domingo 5 de novembro en Baiona, onde visitará ao Baíña FS – Granichan a partir das 18:15h na oitava xornada da competición.
A derrota do Distrito Ventorrillo FS e a sétima vitoria en sete partidos fronte o 5 Coruña FS permitiron ao Filial asentarse definitivamente como único punteiro da categoría a semana pasada. 3, 7, 8 e 9 son os puntos que ten de por medio o equipo noiés cos seus máis inmediatos perseguidores, un botín para nada definitivo, aínda sen cumprir sequera un terzo de Liga, pero si envexable.
Os de David Palmas visitarán este domingo a pista do último ascendido que lles falta por atoparse nesta primeira volta, o Baíña FS – Granichan. Os amarelos lograron a promoción e regreso á Terceira División FS tres cursos despois ao terminar 2º con 67 puntos na Preferente Autonómica – Grupo Sur. Ata o momento, suman 9 puntos na 9ª posición, con 3 vitorias e 4 derrotas. No seu derradeiro compromiso, caeron na cancha do Cidade de Narón por 3-2.
Xa está onde e como quería un Portus Apostoli “B” que sabe das dificultades de cada partido, pero está decidido a non parar de engadir alegrías e triunfos ao seu historial.
Árbitros
David Kumor Otero e Sergio Piñeiro Rivas.
Precedentes
Non existen precedentes de enfrontamentos recentes.
Comments