O líder da Tercera División Fútbol Sala tratará de conseguir a sexta vitoria en seis partidos na súa visita á localidade coruñesa, este sábado 21 ás 17:00h.
Este sábado ás 17:00h no Pavillón Tarrío de Culleredo, o Noia Portus Apostoli FS “B” afronta o sexto partido da temporada de Tercera División Fútbol Sala, na pista do Sport Sala FS, co obxectivo de continuar a excepcional xeira de triunfos.
Os de David Palmas, que superaron ao I. M. Galical Rábade FS por 9-1 no seu anterior compromiso, pretende seguir medrando e, sobre todo, manterse no máis alto entre esa batalla polo primeiro posto co Distrito Ventorrillo FS, co que comparte o botín de 15 puntos. E iso pasa por seguir sumando de tres en tres, e facelo por sexta xornada consecutiva. Mentres, os xogadores filialistas seguen chamando a atención, como demostra a convocatoria para os primeiros adestramentos da Selección Galega Sub-19 de Jorge, Brais e Hugo.
Diante estará esta fin de semana o Sport Sala FS, actualmente 13º con 4 puntos na táboa clasificatoria. Os cullerdenses, un clásico xa da Tercera División Fútbol Sala, que acostuma sempre a facer difíciles os encontros aos seus rivais, sobre todo como local. Ata o momento, a súa única vitoria é a colleitada fronte o O Korreo Guitiriz FS por 5-4, e o seu último resultado foi unha derrota por 6-1 na cancha do Cidade de Narón.
Seguir co expediente inmaculado, a misión dun Filial que, neste inicio de campaña, está facendo fácil o moi difícil... e que dure!
Árbitros
Alejandro Godar Calvar e Marcos Vázquez Mayán serán os colexiados do partido.
Últimos precedentes
·28 de novembro de 2021 | X11Terceira División 2021/2022 | NPA “B” 5-3SPS
·2 de abril de 2022 | X26 Terceira División 2021/2022 | SPS 4-4 NPA “B”
·24 de setembro de 2022 | X2 Terceira División 2022/2023 | SPS 2-6 NPA “B”
·22 de xaneiro de 2023 | X17 Terceira División 2022/2023 | NPA “B” 5-2 SPS
Comentários