Venres, 11/10/2024 · 17:35h · Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS | Os de Daniel Ventoso visitarán o Municipal O Palomar lucense a partir das 12:15h do sábado 12.
O Xuvenil de División de Honra noiés desprázase na mañá deste sábado 12 a Lugo para verse as caras ás 12:15h co Sibuscascoche Ribeira FS, en partido correspondente á quinta xornada ligueira.
Os brancos recuperaron a pasada semana o voo perdido en Salamanca, cun triunfo de éxtase no Mourís contra o 5 Coruña FS, equipo que chegaba a ese duelo como líder invicto. Agora, os noieses son 2º con 9 puntos a 1 do O Parrulo Ferrol, primeiro clasificado, e non queren caer en erros do pasado e desaproveitar o gran paso realizado.
Para iso, deberán superar a un Sibuscascoche Ribeira FS que se sitúa 13º con 3 puntos, os logrados na primeira xornada co triunfo ante CD Tres Columnas. Desde ese encontro, os de Ribeira de Piquín claudicaron nos seus tres choques e buscan canto antes unha reacción, e que mellor que na súa casa.
No vestiario noiés xa saben de primeira man que non poden fiarse de ningún rival e que, para lograr unha importante vitoria este sábado en O Palomar, deberán esforzarse ao máximo e executar o mellor xogo posible.
Precedentes
Tratarase do primeiro partido entre ambos equipos.
Comments