Venres, 27/09/2024 · 17:55h · Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS | Os noieses reciben este domingo 29 ás 12:30h a un dos favoritos para conquistar o título do Grupo I.
Aínda co chute de alegría do triunfazo do pasado sábado, o Noia Portus Apostoli FS “B” xa mira ao compromiso ligueiro da 3ª xornada. Nel, os brancos enfrontaranse ao Stellae Leis Pontevedra FS, outro dos conxuntos chamados a ocupar a zona nobre da táboa, este domingo 29 ás 12:30h no Municipal Agustín Mourís.
Ninguén podía agardar o da anterior xornada. Os noieses, novatos na categoría, pasaron por riba dun clásico da mesma e na súa propia pista, unha das máis temidas por todos os rivais. Un resultado de 2-11 que fala por si só. A primeira vitoria en Segunda División “B” FS do Filial, que se planta nesta terceira data con 4 de 6 puntos posibles e en quinta posición, como último deses 5 equipos que aínda non coñecen a derrota.
Entre eles tamén está o Stellae Leis Pontevedra FS, no seu caso con dous triunfos, ante ADAMO Xove FS (2-4) e Sibuscascoche Ribeira FS (6-1). O conxunto pontevedrés xorde da unión entre o Leis Pontevedra FS e o Stellae FS – Valga, 2º clasificado do Grupo I o curso pasado e do que este novo equipo mantén o groso de xogadores que hai apenas uns meses caeu na final polo ascenso ante o Zambú CFS Pinatar. Nesta campaña preséntase como un dos máximos favoritos, senón o máximo, a facerse con ese primeiro puesto e opositar outra vez á promoción de categoría. Para iso, incorporaron ao seu xa gran plantel a Aicardo, todo un internacional por España cun larguísimo historial de títulos en clubes e selección ás súas costas, como insignia do seu proxecto.
Outro contendente de altísimo nivel agarda ao Noia Portus Apostoli FS “B”, que demostraou máis que de sobra que non lle teme a nada nin a ninguén, e menos no seu feudo, onde na primeira xornada quedou a espiña de lograr unha vitoria que tivo moi preto.
Precedentes
Será o primeiro enfrontamento entre ambos equipos.
Comments