O conxunto noiés recibe a un dos equipos máis perigosos do campionato este domingo 1 de outubro a partir das 17:30h.
Que continúe o estado de graza será o obxectivo do Noia Portus Apostoli FS “B” no partido desta fin de semana, o domingo 1 de outubro ás 17:30h, diante do Carballiño FS, pertencente á xornada 3 da Tercera División Fútbol Sala.
As vitorias por 1-7 diante do Grupo Forma-t Vilalba FS “B” e por 4-8 na cancha do ED Vigo 2015 FS colocan aos noieses, grazas á diferenza de goles, como líderes da categoría, condición da que, agora, tentarán non separarse nestas vindeiras xornadas nas que a táboa comezará a establecerse. O bo facer dos de David Palmas, ademais, está provocando que algúns dos seus xogadores conten con presenza no primeiro equipo, como é o caso esta semana do á Jorge.
Continuar liderando esta esixente Tercera División Fútbol Sala pasa por superar barreiras como a que se lle presenta este domingo aos filialistas. Un conxunto xoven e moi intenso, o Carballiño FS sempre asegura un duro opoñente no outro lado da pista. Ata este momento, tres puntos no seu casilleiro, cunha derrota e unha vitoria, a lograda a semana pasada contra o Cidade de Narón.
O Noia Portus Apostoli FS “B” está na onda, e ten claro que canto máis a prolongue, mellor o pasará nesta aventura da 2023/2024 que aínda non fixo nada máis que comezar, pero, ata o momento, con moi boas sensacións.
Árbitros
Adrián Buján Barciela e Gabriel Chousal Prieto serán os encargados de dirixir o encontro.
Precedentes (últimos 5 enfrontamentos)
·21 de marzo de 2021 | X16 Terceira División 2020/2021 | NPA “B” 6-4 CAR
·10 de outubro de 2021 | X4 Terceira División 2021/2022 | NPA “B” 3-8 CAR
·5 de febreiro de 2022 | X19 Terceira División 2021/2022 | CAR 2-3 NPA “B”
·15 de outubro de 2022 | X5 Terceira División 2022/2023 | CAR 5-3 NPA “B”
·18 de febreiro de 2023 | X20 Terceira División 2022/2023 | NPA “B” 3-4 CAR
Comments