top of page

PREVIA X30 SEGUNDA DIVISIÓN “B” FS | Noia Portus Apostoli FS “B” – Grupo FORMA-T Vilalba FS | Último asalto do debut!

  • Writer: Departamento prensa Noia PA FS
    Departamento prensa Noia PA FS
  • 1 hour ago
  • 2 min read

Venres, 02/05/2025 · 15:35h · Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS | Coa única meta de ascender á sétima praza, os filialistas pechan o curso (sáb. 03/05, 18:00h) ante un rival que se xoga o título.


O Noia Portus Apostoli FS “B” conclúe a súa temporada de estrea na Segunda División “B” FS este sábado 3 ás 18:00h, recibindo no Municipal Agustín Mourís a un Grupo FORMA-T Vilalba FS que podería ser campión do Grupo I.


Péchase o primeiro capítulo filialista na categoría de bronce, que, pase o que pase na última páxina, ten que valorarse cunha nota moi alta. Os de Guille Murillo eran o único Filial, por ende cun plantel sumamente mozo e a maioría deles debutantes, e deron a cara en todos e cada un dos seus partidos, manténdose máis preto dun PlayOff a cara de can que da zona de descenso en practicamente todo momento. Para esta despedida do curso, os brancos teñen o obxectivo de gañar para finalizar 7º, posición que agora ocupa o CD Intersala Zamora tras sumar os tres puntos o xoves.


Pero se hai unha meta suculenta no Mourís este sábado, esa é a do rival. O Grupo FORMA-T Vilalba FS buscará facer os seus deberes mentres sintoniza o transistor para saber que fan Stellae Leis Pontevedra e Caja Rural Atlético Benavente FS, os outros dous equipos que chegan a esta última xornada con posibilidades de proclamarse campións do Grupo I. Pontevedreses e benaventanos contan con 1 punto máis que os vilalbeses antes de que comecen os decisivos duelos, todos ás 18:00h. Nas filas dos verdes destaca, como non, o nome de Adri, un dos xogadores españois con máis talento dos últimos anos.


Para respectar a competición e deixar o mellor historial posible ao curso do debut, o Portus Apostoli “B” saltará ao seu feudo por última vez esta temporada coas ganas de completar un gran partido e entregar un definitivo triunfo á súa xente.



Árbitros

Pablo Coello Martínez e Iria de Luis Iglesia.


Precedentes

·22 de maio de 2021 | 1/4 de final fase de ascenso a Segunda División “B” FS 2020/2021 – partido de ida | VIL 1-5 NPA “B”


·29 de maio de 2021 | 1/4 de final fase de ascenso a Segunda División “B” FS 2020/2021 – partido de volta | NPA “B” 1-4 VIL


·18 de decembro de 2021 | X14 Terceira División FS – Grupo 8 2021/2022 | VIL 12-1 NPA “B”


·1 de maio de 2022 | X29 Terceira División FS – Grupo 8 2021/2022 | NPA “B” 0-10 VIL


·20 de decembro de 2024 | X15 Segunda División “B” FS – Grupo I 2024/2025 | VIL 3-5 NPA “B”

Comentários


bottom of page