top of page

PREVIA X30 FILIAL | Noia Portus Apostoli B-ED Vigo 2015 FS

O filial noiés termina a temporada 2022/2023 recibindo ao cadro vigués este xoves 4 ás 20:45h no Mourís.

Hora de poñer punto e final a unha 2022/2023 difícil pero con final feliz e que, de seguro, servirá de aprendizaxe para o Noia Portus Apostoli B, que afronta este xoves 4 de maio ás 20:45h o último envite do curso diante do ED Vigo 2015 FS no parqué do Agustín Mourís.


Botando a vista atrás, o plantel filialista atopa momentos bos e outros non tanto. Desde o gran inicio de curso, con cinco vitorias nos sete primeiros partidos, pasando por un complicado tramo de resultados entre novembro e febreiro, ata lograr con dúas xornadas de antelación unha permanencia de categoría a valorar despois dunha temporada chea de dificultades para un equipo formado na súa maior parte por xuvenís.


O último capítulo da campaña escribirase contra o ED Vigo 2015 FS, conxunto ao que unha segunda volta lixeiramente peor á primeira lle impediu loitar por meterse no PlayOff de ascenso á Segunda División B. Cuns 44 puntos que poden ser máis, dependendo do resultado deste xoves, o que non vai mudar é o sexto posto co que os laranxas rematarán unha nova participación na Terceira División.


A partir do vindeiro mes de setembro estreará o Portus Apostoli B o libro da súa cuarta temporada consecutiva na categoría. Pero, antes, tentará terminar esta co sorriso que implicaría unha vitoria que os deixe o máis arriba posible nunha táboa na que actualmente son novenos, coa opción de escalar ata un sétimo lugar que sería un merecido premio para o desempeño dos noieses.

bottom of page