PREVIA X29 SEGUNDA DIVISIÓN “B” FS | CD Intersala Zamora-Euronics Caja Rural - Noia Portus Apostoli FS “B” | Duelo directo pola 6ª praza na última saída do curso
- Departamento prensa Noia PA FS
- Apr 25
- 2 min read

Venres, 25/04/2025 · 18:40h · Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS | Os de Guille Murillo afrontan un importante encontro (sáb. 26/04, 17:00h) na batalla polas posicións.
O Filial do Noia Portus Apostoli FS disputa este sábado 26 ás 17:00h na pista do CD Intersala Zamora – Euronics Caja Rural o seu último partido como visitante da temporada. Os noieses intentarán conseguir tres puntos importantes nun enfrontamento directo na pugna entre a 6ª e a 10ª praza.
Os brancos sitúanse, a falta de dúas xornadas, 7º con 47 puntos. 2 por enriba está o ADAMO Xove FS, 1 por debaixo o rival desta fin de semana e un pouco máis distanciados, a 4, CD San Cristóbal Núñez Automoción e O Esteo FS. Cinco conxuntos para unha 6ª posición que aínda non ten dono, e á que os noieses aspiran con humildade e ambición.
Pero mirar para arriba conleva ter que aplacar o que vén de abaixo. O CD Intersala Zamora – Euronics Caja Rural chega a esta cita nunha xeira de dúas vitorias seguidas. Unha terceira faríalle auparse un posto máis na táboa, a expensas dos de Guille Murillo, e soñar con dar caza ao ADAMO Xove FS. Especialmente fortes na casa amósanse os zamoranos nas últimas datas, superando a punteiros como o Caja Rural Atlético Benavente FS.
Aspirar a poñerlle a mellor guinda posible á temporada de estrea na Segunda División “B” FS pasa, antes de mirar a outros, por saír cun sorriso deste compromiso. Niso se centra un Filial que non quererá desaproveitar o seu penúltimo envite da 2024/2025.
Árbitros
David Llorente e Víctor Rodríguez, do comité castelán-leonés.
Precedentes
·15 de decembro de 2024 | X14 Segunda División “B” FS – Grupo I 2024/2025 | NPA “B” 7-2 INT
Comments