O conxunto noiés visita este sábado 29 ás 17:30h o Polideportivo Centro Cívico de Xove coa tranquilidade da permanencia matemática no peto e a ambición de querer tumbar ao campión.
O sufrimento das últimas semanas muda pola calma que proporciona non ter que mirar a táboa día si e día tamén no seo dun Noia Portus Apostoli B que, xa salvado matematicamente polo triunfo da pasada xornada contra o Stellae FS, tentará aproveitar ese éxtase para facer dano ao campión SD Xove FS.
De enfrontarse ao segundo unhas datas antes a facelo co primeiro e xa, por dereito propio, novo equipo da Segunda División B para a temporada 2023/2024. O Xove cumpriu os prognósticos, cun plantel con varios vellos coñecidos da Primeira e Segunda División que acumula números incontestables, con 77 puntos, 25 vitorias, 2 empates e tan só 1 derrota.
Esa é a magnitude do rival dos noieses desta penúltima xornada ligueira, aínda que o encontro da primeira volta amosou que as forzas poden estar máis igualadas do que semella, cunha vitoria por 0-3 dos lucenses ante un gran filial que mereceu mellor sorte de cara a portería.
Quizais coa liberación de saberse exentos da loita pola permanencia, os brancos si estean máis preto de poder sacar algo positivo este sábado 29 a partir das 17:30h no Polideportivo Centro Cívico de Xove.
Kommentare