PREVIA X29 (adiantado) PRIMEIRA DIVISIÓN FS | Noia Portus Apostoli FS – Illes Balears Palma Futsal | Sen case descanso
- 18 hours ago
- 3 min read

Sen apenas tempo para saborear a vitoria do pasado sábado fronte ao Family Cash Alzira FS, os noieses plántanse ante un novo desafío. O segundo de cinco en 15 días para os de David Palmas, que recibirán no Agustín Mourís ao vixente tricampión europeo e mundial Illes Balears Palma Futsal, en partido adiantado da xornada 29, este martes 21 ás 21:00h.
Cinco datas restan para o término do campionato. Un tramo final da temporada ao que o Portus Apostoli chega como nunca antes a estas alturas no seu periplo en Primeira: salvado matematicamente e sumando 10 triunfos no seu haber. Co obxectivo xa certificado de maneira total, os 34 puntos e a 9ª posición que, agora mesmo, ostentan os brancos dan motivo para soñar con clasificarse ao PlayOff polo título por segunda vez na súa historia.

Esa ilusión por colarse entre os oito mellores e a confianza do último resultado serven como acicate para esquecer as varias baixas que lastran ao equipo noiés. De novo, seis serán as ausencias do Noia, que se verán forzados a, ademais de facer un gran partido, realizar un considerable exercicio físico e de unidade para tratar de superar a un dos xigantes do noso fútbol sala.
Outra vez, antes de tempo contra os baleares
O azar quixo que, tanto no duelo da primeira como da segunda volta, noieses e palmesanos se enfronten antes de tempo. En ambas ocasións, por motivo da UEFA Futsal Champions League. O Illes Balears Palma Futsal disputará a fin de semana do 9 e 10 de maio a Final Four do torneo continental, o que obriga a adiantar este envite correspondente á penúltima xornada. A el chegan os de Antonio Vadillo tras caer en Cartaxena (5-4) e nunha dinámica de só un triunfo nos últimos seis encontros, estraña para un equipo de tal magnitude. Momento que, ademais, provoca que aínda non teñan encarrilada a súa presenza no PlayOff, ao situarse 6º con 38 puntos, só catro por enriba dos noieses, á cabeza na persecución. Ata cinco xogadores acumulan dobles díxitos de goles anotados (Fabinho 14, Ernesto e Rivillos 12, Alisson 11 e Lucão 10) nun cadro cun enorme potencial ofensivo e dominador do xogo con porteiro, aínda sen o mancado Luan Müller, con Dennis. Dous ex brancos nas súas filas, Alisson e Machado.
Declaracións previas
Entradas
Partido nomeado Día do Club, polo que os abonados (a excepción dos Sentimento) deberán pagar un prezo reducido pola súa entrada. Á venda na páxina web noiafs.compralaentrada.com/eventos. Se quedan dispoñibles, poñeranse á venda na porta de acceso do Municipal Agustín Mourís o día do partido a partir das 19:30h.
Emisión en directo
O duelo contará coa emisión en directo e en exclusiva a través de LALIGA+ (baixo subscripción), por web e app, este martes 21 a partir das 21:00h.
Árbitros
Sergio Sánchez Llorente e Víctor Toca Campo, do comité cántabro. Con Sánchez Llorente, un triunfo, un empate e seis derrotas; con Toca Campo, unha vitoria e seis derrotas.
Precedentes (balance oficial: 1V-2E-7D)
·19 de novembro de 2022 | X9 Primeira División FS 2022/2023 | NPA 2-2 IBP
·21 de febreiro de 2023 | 1/4 de final Copa do Rei FS 2022/2023 | IBP 4-2 NPA
·25 de marzo de 2023 | X24 Primeira División FS 2022/2023 | IBP 5-1 NPA
·24 de maio de 2023 | PlayOff Primeira División FS 2022/2023 - 1/4 de final – Partido 1 | IBP 8-2 NPA
·27 de maio de 2023 | PlayOff Primeira División FS 2022/2023 – 1/4 de final – Partido 2 | NPA 3-4 IBP (AET)
·11 de novembro de 2023 | X10 Primeira División FS 2023/2024 | IBP 2-1 NPA
·31 de marzo de 2024 | X25 Primeira División FS 2023/2024 | NPA 6-1 IBP
·11 de xaneiro de 2025 | X14 Primeira División FS 2024/2025 | NPA 3-3 IBP
·4 de abril de 2025 | X25 Primeira División FS 2024/2025 | IBP 4-2 NPA
·19 de outubro de 2025 | X9 Primeira División FS 2025/2026 | IBP 11-6 NPA





Comments