top of page

PREVIA X28 FILIAL | Noia Portus Apostoli B-Stellae FS

Unha nova cita de enorme importancia para o filial noiés, que recibe ao segundo clasificado na xornada 28 este domingo 23 de abril ás 17:00h.

Continúa o particular tramo de “finais” pola salvación do Noia Portus Apostoli B, que na antepenúltima xornada da Terceira División enfrontarase ao Stellae FS, segundo clasificado, este domingo 23 de abril ás 17:00h no Agustín Mourís.


A vitoria da pasada fin de semana en Begonte supuxo un chute importante de osíxeno para o filial noiés, que a falta de 9 puntos por repartirse, avantaxa en 4 ao 12º, en 6 ao 13º e en 7 ao 14º, postos perigosos na loita pola permanencia. Distancia prudencial, pero para nada definitiva, e menos tendo en conta o terreo escabroso que agarda nestas dúas vindeiras xornadas, con duelos contra o 2º e o 1º da clasificación.


O Stellae FS chega a Noia nunha situación privilexiada, só superados na táboa polo Xove FS, co subcampionato asegurado e, por tanto, tamén a súa presenza no PlayOff de ascenso a Segunda División B. Números que confirman o que se agardaba a comezos de curso dun equipo potente, con pasado gañador na categoría e xogadores dotados de experiencia e calidade. A pasada fin de semana, os de Padrón superaron ao Cidade de Narón por 3-1.


Pouco lle debe importar todo iso a un Noia Portus Apostoli B obrigado a dar o 100% en cada minuto dos tres partidos que lle restan á competición para sacar puntos de onde sexa. Contar co apoio do Agustín Mourís será un plus nunha nova final pola permanencia.

Comments


bottom of page