top of page

PREVIA X27 TERCEIRA | Noia Portus Apostoli FS “B” – Ribeira FS | O segundo match-ball

O Filial contará este sábado 20 ás 20:30h coa segunda opción de certificar o título de campión e o ascenso, dependendo doutros resultados, na visita do terceiro clasificado ao Mourís.


Por segunda semana consecutiva, o Noia Portus Apostoli FS “B” terá a oportunidade de achegarse ao título de campión de Terceira División FS e o ascenso, e incluso de concretalo se se dá un resultado previo favorable. Sexa dunha ou doutra forma, os noieses perseguirán un importante triunfo este sábado 20 a partir das 20:30h como local fronte o Ribeira FS, terceiro na táboa.


A semana pasada, o Filial marchou de Outeiro de Rei cun sabor agridoce. Dun partido no que contou cun gran número de ocasións, acabou sacando tan só un punto e in extremis, que, porén, pode valer de moito. Grazas a ese gol de Álex López a 6 segundos do final, aos noieses sérvenlle máis combinacións de título para esta xornada, que son as seguintes: ao igual que hai seis días, dependerán de que o Distrito Ventorrillo FS non gañe no seu encontro ante o Sport Sala FS (17:00h), e, a partir de aí, mellorar o resultado que logren os coruñeses.


E se hai un equipo tamén pendente do que faga o Distrito Ventorrillo FS, ese é o rival deste sábado do Filial. Coa terceira praza practicamente asegurada, o Ribeira FS busca asaltar a segunda, situada a 3 puntos, que daría unha teórica vantaxe no PlayOff de ascenso a Segunda División “B”. E para iso, os lucenses tentarán volver a augar as esperanzas noiesas e repetir o triunfo conseguido nos últimos segundos do duelo da primeira volta por 3-2.


Espadas por todo o alto e moito en xogo nun choque que, ademais, será o desenlace dun día de puro fútbol sala no Agustín Mourís. A cuestión para o Filial, a estas horas, está en saber se se tratará dun penúltimo pasiño ou do definitivo para a consecución do soño. Pero o que si está claro é que o medio para chegar a calquera de ambos é o dunha vitoria pola que terán que loitar a fondo nun dos mellores partidos que se poden ver na categoría.


 

Árbitros

Adrián Buján Barciela e Tania María Penabad Canel.


Precedentes

·2 de decembro de 2023 | X12 Terceira División FS 2023/2024 | RIB 3-2 NPA “B”

bottom of page