top of page

PREVIA X27 FILIAL | Concello de Begonte FS-Noia Portus Apostoli B

O conxunto de David Palmas visita a un rival directo coa clara misión de lograr unha vitoria que os aproxime á salvación.

Catro semanas de tensión e emoción. Despois do último parón da temporada, o Noia Portus Apostoli B enfráscase nunha recta final de auténtica vertixe, co único obxectivo de conseguir a cantidade de puntos suficientes para salvar a categoría. A primeira das paradas, este sábado en Begonte.


O empate de hai dúas semanas contra o Guitiriz e o resto de resultados deixaron as cousas máis ou menos como estaban na táboa clasificatoria. Os noieses seguen na novena praza, agora con 32 puntos, 2 por riba do 12º e do 13º, postos a evitar.


Xusto debaixo, 14º con 25 puntos, sitúase o Concello de Begonte FS, rival dos brancos nesta xornada 27. Cun partido menos que o resto dos contendentes pola permanencia, os da provincia de Lugo ven este encontro como a última oportunidade de engancharse a unha Terceira División na que, hoxe por hoxe, teñen complicado manter a súa presenza. A derrota da anterior xornada contra o Cidade de Narón por 4-3 freou a boa dinámica na que estaban de dous triunfos seguidos, contra Sport Sala FS (3-4) e 5 Coruña FS (4-3).


Con todos estes ingredientes, o Portus Apostoli B atópase ante unha nova final. A palabra máis repetida para definir os últimos partidos, e que co paso dos mesmos vai cobrando maior magnitude. Sábado 15 ás 16:30h na pista do Municipal de Baamonde, a primeira das últimas catro finais en busca da permanencia.

bottom of page