top of page

PREVIA X26 SEGUNDA DIVISIÓN “B” FS | Noia Portus Apostoli FS "B" – Racing de Mieres FS | Seguir gañando na casa


Venres, 28/03/2025 · 16:40h · Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS | Os filialistas buscan un novo triunfo fronte ao conxunto asturiano (sáb. 29/03, 18:00h) na 26ª data ligueira.


O Noia Portus Apostoli FS “B” recibe este sábado 29 ás 18:00h no Agustín Mourís ao Racing de Mieres FS, en duelo da xornada 26 do Grupo I de Segunda División “B” FS.


Os de Guille Murillo, 7º con 41 puntos e xa salvados matematicamente desde hai dúas xornadas, pretenden seguir deixando boa pegada na casa, onde lles restan tres encontros. Ademais, os filialistas ansían permanecer vixentes na loita pola 6ª praza, á que poderían recurtar tres unidades tras a derrota do ADAMO Xove FS, e por unha 5ª que si ven máis lonxe, a 10 dun FS Salamanca Dehesa Grande que precisamente superou aos xovenses uns días atrás.


Similar meta ten o Racing de Mieres FS, aínda que en totalmente distinto contexto. Os asturianos perderon a categoría hai varias datas e xa só aspiran a evitar a última posición da táboa, a que agora mesmo ocupan os seus veciños do La Isla de Siero FS cos seus mesmos 4 puntos, pero peor diferenza de goles. No seu último compromiso, os mierenses perderon por 3-5 ante un dos punteiros como é o Stellae Leis Pontevedra FS, o que demostra que a pesar da súa situación, seguen competindo.


Moito aínda polo que dar a cara ten o Filial, sobre todo diante da súa xente, á que quererá regalar outra gran tarde de fútbol sala co 9º triunfo como local do curso.


 

Precedentes

·24 de novembro de 2024 | X11 Segunda División “B” FS – Grupo I 2024/2025 | MIE 4-5 NPA

Comentarios


bottom of page