top of page

PREVIA X26 FILIAL | Noia Portus Apostoli B-O Korreo Guitiriz FS

Os noieses reciben este sábado 1 ás 16:00h a visita dun rival directo, separados por tan só un punto na táboa, no que será un partido transcendental na loita por evitar o descenso de categoría.

Novo duelo directo, nova final. Con cinco partidos para finalizar a Liga, o Noia Portus Apostoli B recibe ao O Korreo Guitiriz FS, ou o que é o mesmo, choque de importancia vital para afastarse da zona de descenso entre o 9º con 31 puntos e o 11º con 30, este sábado 1 de abril ás 16:00h no Municipal Agustín Mourís.


Entre o 8º, o Cidade de Narón, e o 14º, o Concello de Begonte FS, hai 8 puntos de separación e 7 equipos loitando por evadir o que, hoxe por hoxe e á espera de ver que sucede cos arrastres de Segunda División B e no PlayOff de ascenso, serían tres posicións que significarían perder a categoría, co Redondela FS Maramar e o CD Beade MVMB Copefri practicamente condenados nas dúas últimas.


Así de apertada a situación, os noieses afrontan dous compromisos consecutivos de carácter fundamental contra rivais nesa zona, comezando polo desta xornada 26 contra O Korreo Guitiriz FS. A derrota da pasada semana en Ventorrillo freou a boa dinámica do Portus Apostoli, pero o vestiario mantén a confianza e a seguridade, tendo en conta ademais que este sábado contarán co factor pista a favor. Os guitiricenses visitarán Noia cun empate 4-4 contra o Cidade de Narón como anterior precedente, exactamente o mesmo resultado do partido da primeira volta contra os nosos.


O transcurso da temporada quixo sinalar o deste sábado como unha cita totalmente esencial para o futuro do Noia Portus Apostoli B na categoría. Dar un gran paso, que non definitorio, pola salvación pasa só e exclusivamente por sacar uns tres puntos vitais e que, de seguro, serán pelexados ata o final.

Comments


bottom of page