top of page

PREVIA X25 SEGUNDA DIVISIÓN “B” FS | Noia Portus Apostoli FS “B” – Sibuscascoche Ribeira FS | Celebrar a salvación cun triunfo na casa


Venres, 14/03/2025 · 18:30h · Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS | Coa tranquilidade da salvación, o Filial quere seguir enganchado á pelexa pola quinta e sexta praza (sáb. 15/03, 18:30h).


O Noia Portus Apostoli FS “B” afronta este sábado 15 ás 18:30h o seu partido da 25ª xornada ligueira, na que recibirá ao Sibuscascoche Ribeira FS co obxectivo de lograr tres puntos que sirvan de guinda á salvación lograda a pasada fin de semana e lles permitan manterse pugnando pola quinta e sexta posición da táboa.


Os brancos cederon na súa visita a Xove, pero certificaron igualmente unha permanencia histórica. Sen ter que mirar abaixo en practicamente ningún momento do curso e a 6 xornadas do final, así selaron os de Guille Murillo a súa continuidade nunha Segunda División “B” FS na que debutaron o pasado setembro. Coa seguridade ao 100% por abaixo, agora toca intentar mirar arriba e competir por dar desenlace a esta campaña na posición máis alta que sexa capaz de alcanzar.


Para iso, buscarán superar a un Sibuscascoche Ribeira FS cuxa recente mellora (xa suman máis puntos na segunda que na primeira volta) puido chegar demasiado tarde para salvar a categoría. Os de Ribeira de Piquín ocupan a 14ª e antepenúltima praza con 17 unidades, a 13 da permanencia con 18 por disputarse. É por iso que ir a pola vitoria no Mourís é obrigación no vestiario lucense, algo que, ademais, daría continuidade á da pasada semana ante o Racing de Mieres FS (1-0).


Tranquilidade non ten que significar baixar os brazos. Iso é o que lle toca demostrar a un Filial que quererá deixar na historia a súa temporada de debut na categoría de bronce coa mellor sinatura posible.


 

Árbitros

Mayra Camila Araujo e Iria de Luis serán as colexiadas do encontro.


Precedentes

·2 de decembro de 2023 | X12 Terceira División FS – Grupo VIII 2023/2024 | RIB 3-2 NPA “B”


·20 de abril de 2024 | X27 Terceira División FS – Grupo VIII 2023/2024 | NPA “B” 2-0 RIB


·17 de novembro de 2024 | X10 Segunda División “B” FS – Grupo I 2024/2025 | RIB 2-5 NPA “B”

Commentaires


bottom of page