top of page

PREVIA X25 TERCEIRA | Noia Portus Apostoli FS “B” – SD Pazos de Borbén FS | Volve o líder

O primeiro clasificado da Terceira División FS galega regresa á competición este domingo 7 ás 19:00h, cando recibirá ao esixente SD Pazos de Borbén FS no Municipal Agustín Mourís.


Volve a competición para os equipos da Terceira División FS despois de dúas semanas de parón. No caso do líder, o Noia Portus Apostoli FS “B”, faino este domingo 7 ás 19:00h no seu parqué, o do Municipal Agustín Mourís, recibindo a un equipo sempre a ter en conta, o SD Pazos de Borbén FS, cos noieses cercando o obxectivo do título.


O empate entre Distrito Ventorrillo FS e Ribeira FS deixou aos brancos con 11 puntos de vantaxe no máis alto da táboa, con 18 por disputarse. Diferenza ampla a poucos partidos por rematar o campionato, pero non decisiva, tendo en conta os rivais que lle agardan aos de Daniel Ventoso nas próximas tres xornadas: o propio SD Pazos de Borbén FS, Outeiro de Rei SD (4º clasificado) e Ribeira FS (3º).


Por agora, miras centradas tan só nos pacenses, un conxunto que, tras participar o curso pasado no PlayOff de ascenso a Segunda División B, está a pasar por dificultades no presente. 9º con 33 puntos, non sumou nos seus últimos tres encontros, e precisa de facelo para evitar posibles leas coa sempre conflitiva zona de descenso. A pesar da súa situación, son un bloque con xogadores de calidade e experiencia, que xa fixeron suar aos nosos na primeira volta (triunfo noiés por un curto 2-3).


Que o soño se converta en realidade é algo que, a efectos da clasificación, está cada vez máis preto. Pero en manter os pés na terra nestes vindeiros pasos reside a clave para un Noia Portus Apostoli FS “B” disposto a festexar o antes posible.


 

Árbitros

Eloy Bello Gómez e Franco Álvaro Campagnoli.


Precedentes

·17 de setembro de 2022 | X1 Terceira División FS 2022/2023 | NPA “B” 1-4 PAZ


·14 de marzo de 2023 | X16 Terceira División FS 2022/2023 | PAZ 3-3 NPA “B”


·19 de novembro de 2023 | X10 Terceira División FS 2023/2024 | PAZ 2-3 NPA “B”

Comments


bottom of page