top of page

PREVIA X25 FILIAL | Distrito Ventorrillo FS-Noia Portus Apostoli B

O filial tentará sorprender ao cuarto clasificado na súa visita a A Coruña, este sábado 25 ás 17:00h, en busca de tres importantes puntos na loita pola permanencia.

Nova final para o Noia Portus Apostoli B, como serán todos os partidos a partir de agora. Os brancos queren aproveitar a súa boa dinámica recente, con dúas vitorias e un empate como últimos resultados, para sacar rédito da súa visita ao Distrito Ventorrillo FS, cuarto clasificado da Terceira División.


Seis partidos restan para terminar o campionato e os equipos da zona baixa apertan. Por iso, calquera punto vale ouro nesta loita encarnizada por manterse na categoría. Con 31 puntos e en novena posición, os noieses acumularon un colchón importante nas últimas semanas que os deixa máis tranquilos, pero aínda alerta.


Non esquecen, ademais, os de David Palmas o marcador da primeira volta contra o rival desta fin de semana, unha derrota dura por 2-8 nun dos peores encontros do curso. Desde aquela, o Ventorrillo amosou o seu potencial, escalando ata a cuarta praza con 42 puntos, pero nos anteriores partidos a este custoulles un pouco máis do habitual, acumulando catro empates seguidos ante Pazos de Borbén, Sport Sala FS, 5 Coruña FS e Cidade de Narón.


Sábado 25 ás 17:00h no Pavillón Ventorrillo son a data e lugar elixidos para que o Noia Portus Apostoli B, aínda con certas baixas, vaia a por todas no intento de seguir agarrándose á salvación.

Comentarios


bottom of page