top of page

PREVIA X24 PRIMEIRA DIVISIÓN FS | Noia Portus Apostoli FS – Industrias Santa Coloma | Manter a fortaleza


Luns, 31/03/2025 · 18:20h · Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS | Os brancos buscan a terceira vitoria consecutiva na casa (mar. 01/04, 21:00h, FEF TV) para intentar saír da zona de descenso.


Segundo partido dos tres en sete días que afronta o Noia Portus Apostoli FS neste tramo de calendario, coa visita do Industrias Santa Coloma o martes 1 de abril ás 21:00h e la clara misión de seguir facendo do Mourís un fortín de cara á permanencia.


A zona baixa da táboa continúa comprimíndose. A xornada da pasada fin de semana sitúa a cinco equipos en catro puntos, desde a 11ª ata a 15ª praza, co Noia (19 puntos) ocupando esa última, que faría perder a categoría, produto da derrota en Murcia e o triunfo do ATP Iluminación Tudelano Ribera Navarra FS (21), que se aproxima a CD Burela FS, Córdoba Patrimonio de la Humanidad e Viña Albali Valdepeñas (todos con 23). Para escalar postos, os brancos focalizan principalmente a súa folla de ruta en non deixar escapar ningún dos nove puntos que restan por disputarse no Agustín Mourís, do que xa sacaron os últimos seis.


Nada sinxelo llo poñerá un Industrias Santa Coloma que está realizando un gran curso. Tras lograr meterse na Copa de España FS, os de Xavi Closas soñan con repetir presenza no top 8 para participar no PlayOff polo título. Actualmente están 8º con 33 unidades, as mesmas que o 7º, Jaén Paraíso Interior FS, e dúas por enriba do corte, despois de superar ao Quesos Hidalgo Manzanares FS por 6-0 na anterior data. Iso si, o seu talón de Aquiles está nas saídas, xa que aínda non lograron ningunha vitoria como visitantes (5 empates e 6 derrotas). Bernat Povill, con 15 dianas, e Verdejo, que suma 12, son os referentes ofensivos dun cadro que se caracteriza polo seu xogo alegre e combinativo. Nas súas filas milita tamén un ex noiés, Nil Closas, que na súa única campaña no Club conseguiu o ascenso á elite e a primeira Copa Galicia.


Como vén sucedendo ultimamente nos partidos do Portus Apostoli como local, o horario non é o máis favorable. Pero os pupilos de David Palmas saben que nas gradas do seu feudo non lles faltará ese reforzo indispensable en forma de ánimos para facer un pouquiño máis fácil o esixente traballo de ir a por tres puntos vitais.


 

Declaracións previas



Entradas

Á venda na páxina web noiafs.compralaentrada.com/eventos. Se quedan dispoñibles, poñeranse á venda na porta de acceso do Municipal Agustín Mourís o día do partido a partir das 19:30h.



Emisión en directo

O duelo contará coa emisión en directo e en exclusiva a través da plataforma de pago FEF TV, por web e app, este martes 1 a partir das 21:00h.



Árbitros

Francisco Javier Marazuela Hernando e Sergio Toral Heredia, do comité castelán-leonés. Balance con esta parella dun empate e unha derrota.


Precedentes

·5 de novembro de 2013 | Dezaseisavos de final Copa do Rei FS 2013/2014 | NPA 5-4 ISC (AET)


·21 de decembro de 2022 | X15 Primeira División FS 2022/2023 | NPA 1-4 ISC


·19 de maio de 2023 | X30 Primeira División FS 2022/2023 | ISC 6-1 NPA


·18 de novembro de 2023 | X12 Primeira División FS 2023/2024 | ISC 3-1 NPA


·20 de abril de 2024 | X27 Primeira División FS 2023/2024 | NPA 4-3 ISC


·21 de decembro de 2024 | X11 Primeira División FS 2024/2025 | ISC 5-3 NPA

Comments


bottom of page