top of page

CRÓNICA X2 LIGA PRIME FUTSAL – TORNEO APERTURA (JPI 6–3 NPA) | Derrota en Jaén

54 minutes ago
3 min read
Domingo, 20/09/2026 · 18:56h · Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS | Os brancos concederon nos momentos clave dun choque máis igualado do que reflectiu o marcador.
Domingo, 20/09/2026 · 18:56h · Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS | Os brancos concederon nos momentos clave dun choque máis igualado do que reflectiu o marcador.

O Noia Portus Apostoli FS encaixou a súa primeira derrota da temporada no Olivo Arena de Jaén (6-3). Os de David Palmas pagaron caros os seus erros e o desatino en momentos claves do encontro.


O inicio foi trepidante. Un castigo para os máis astrasados na chegada á grada, con tres goles nos dous primeiros minutos de xogo. Dous para o Jaén, que se puxo 2-0 grazas a Mati Rosa e Bynho, e un noiés, a estrea goleadora de Juampi Cuello para o 2-1.


Co seu primeiro tanto como noiés, Juampi Cuello reduciu distancias | Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS
Co seu primeiro tanto como noiés, Juampi Cuello reduciu distancias | Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS

O frenesí inaugural aportou todos os goles dunha primeira metade que, aínda que sen máis dianas, tivo moita historia nos seus 18 minutos restantes. Os brancos, coas incorporacións de Di Fanti, buscaban controlar o coiro ante un cadro local que impoñía en transicións e balón parado. Así, os dous conxuntos contaron con oportunidades ao seu favor. As máis chamativas, un remate ao pau en cada área. Polos visitantes, a madeira probouna cun potente xute Dani Colón. Xusto antes do bucinazo, os xienenses dispuxeron dunha intentona perigosa, desbaratada por Di Fanti.


Un reinicio tampouco favorable


Ao igual que na primeira, o comezo da segunda metade non foi positivo para o Portus Apostoli. Nun erro en saída de presión, Bynho aproveitou o balón solto repañado por Mati Rosa para colocar o 3-1 a porta baleira. E a cousa puido ser peor para os noieses. Os colexiados ensinaron segundos despois a vermella directa a Di Fanti por man fóra da área. A consulta no SV, previa solicitude de David Palmas, permitiulles ver que a pelota nunca impactara co brazo do porteiro e, por tanto, rectificar.


Máis costa arriba se puxo a empresa no 28’, co gol de João Salla. O peche brasileiro definiu á rede unha rápida transición. Pero o Noia non se ía render, e o gol de David Pazos no 30’, cun punteirazo desviado por un rival, renovou esperanzas. Nun saque de falta dobrado á banda, Mykytiuk rozou o pau; a continuación, en xogada similar, o tiro certeiro de David Pazos bloqueouno Míchel.


Marcador demasiado severo | Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS
Marcador demasiado severo | Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS

Aí as tivo o cadro noiés para reengancharse de todo ao choque. Porque pouco despois, entre o 31’ e o 32’, Mati Rosa sentenzou dous balóns enviados á área que non logrou abortar a defensa e significaron o 6-2. Introduciu David Palmas a Thierry como porteiro-xogador, na busca do milagro. A circulación era fluída, pero carecía dun último pase clave. E, nunha desas, os brancos cometeron a súa sexta falta. Viaxe ao punto de dez metros, onde Di Fanti negou o sétimo tanto local. Xa sen tempo para máis, Dani Colón converteu o definitivo 6-3.


Con 1 punto, os noieses quedan en 11ª posición, a falta do término dun partido da segunda xornada.


Próximo partido


Os noieses recibirán o vindeiro domingo 27 ás 16:30h no Mourís ao Sur Seeds El Ejido Futsal, pola 3ª xornada do Apertura da Liga Prime Futsal.



Ficha técnica

Jaén Paraíso Interior FS: Espíndola (p), Power Raggiati, Bynho, Míchel e Mati Rosa. Tamén xogaron Esteban, João Salla, Dani Zurdo, Boyis, Eloy Rojas, Alan Brandi (c), Lemine e César.


Noia Portus Apostoli FS: Di Fanti (p), Juampi Cuello, Rubi, David Pazos (c) e Biel. Tamén xogaron Mykytiuk, Altamirano, Macedo, Charly, Koeman, Dani Colón, Thierry e Ismael.


Goles: 1-0 Mati Rosa (1’), 2-0 Bynho (2’), 2-1 Juampi Cuello (2’), 3-1 Bynho (22’), 4-1 João Salla (27’), 4-2 David Pazos (30’), 5-2 Mati Rosa (31’), 6-2 Mati Rosa (32’), 6-3 Dani Colón (40’).


Os árbitros Sergio Sánchez Llorente e Víctor Toca Campo, do comité cántabro, amoestaron con tarxeta amarela nos xienenses a Esteban (26’), o adestrador Dani Rodríguez (30’), Míchel (38’) e Lemine (39’). Nos noieses, amarelas a Ismael (14’), Juampi Cuello (36’) e Di Fanti (38’).


Incidencias: partido correspondente á xornada 2 do Torneo Apertura da Liga Prime Futsal, disputado no Olivo Arena de Jaén ante uns 4000 espectadores.

Comments


bottom of page