PREVIA X24 PRIMEIRA DIVISIÓN FS | Barça - Noia Portus Apostoli FS | A romper todos os prognósticos
- 13 hours ago
- 3 min read

O Noia Portus Apostoli FS pasa páxina da derrota na final da XXXIV Copa Galicia FS. E no reverso, agarda o coco. Os noieses enfrontaranse a un temible Barça no Palau Blaugrana este sábado 4 a partir das 16:30h pola 24ª xornada ligueira.
Só tarefas de Primeira División FS por diante para o Portus Apostoli de aquí a final de temporada. En total, sete partidos nos que, desde a 9ª praza e con 31 puntos, os noieses teñen licenza e razóns para aspirar a algo máis que a permanencia virtual que agora mesmo ostentan, coa zona de PlayOff polo título a 3 unidades de diferenza.

Pouco tiempo para asimilar a caída en Pontevedra, para preparar a conciencia o maiúsculo reto que supón visitar o Palau Blaugrana e para recuperar efectivos -Leozin, Gui Lima e Rubi, lesionado na final, serán baixa, mentres David Pazos e Diego viaxan entre algodóns-. Como tamén pouca dose de motivación extra precisarán os xogadores brancos para afrontar coas máximas atención e ganas cada minuto, cada segundo, deste considerable desafío.
Un Barça en estado de graza
Desde o 15 de novembro que o Barça non perde un partido nos 40 minutos. A Copa de España FS, na que arrasou en cuartos e semifinal, só se lle escapou na quenda de penaltis. O seu último partido, unha goleada por 1-5 o pasado martes na pista do Illes Balears Palma Futsal. O conxunto de Javi Rodríguez está atravesando un momento de forma espectacular, con xogadores como Antonio, Matheus ou Gauna totalmente inspirados no parqué. Sen esquecernos dos Pito -máximo goleador do equipo con 18 dianas-, o ex noiés João Victor, Touré, Sergio González, o recuperado Catela ou Eric Martel, quen decidira o enfrontamento da primeira volta no Mourís co único gol do choque. Os culés figuran 2º con 53 puntos na táboa, perseguindo ao líder ElPozo Murcia Costa Cálida FS que só conta dous máis no seu haber. Tres ausencias seguras por lesión nos azulgrana, Dídac, Fits e Adolfo.
Declaracións previas
O desprazamento
Os noieses realizaron un adestramento no Mourís, tras o que emprenderon rumbo en autobús a terras catalás. Á súa chegada, levaron a cabo na Ciutat Esportiva Joan Gamper o último adestramento previo ao partido.
Emisión en directo
O duelo contará coa emisión en directo a través de LALIGA+ (baixo subscripción) e Esport3, ambas por web e app, este sábado 4 a partir das 16:30h.
Árbitros
Sergio Sánchez Llorente e Víctor Toca Campo, do comité cántabro. Balance con Sánchez Llorente dunha vitoria, un empate e cinco derrotas; con Toca Campo, un gañado e cinco perdidos.
Precedentes (balance oficial: 1V-0E-6D)
·5 de novembro de 2022 | X7 Primeira División FS 2022/2023 | NPA 2-4 FCB
·11 de marzo de 2023 | X22 Primeira División FS 2022/2023 | FCB 3-4 NPA
·30 de setembro de 2023 | X4 Primeira División FS 2023/2024 | NPA 5-8 FCB
·17 de febreiro de 2024 | X19 Primeira División FS 2023/2024 | FCB 3-1 NPA
·9 de novembro de 2024 | X5 Primeira División FS 2024/2025 | NPA 0-4 FCB
·4 de maio de 2025 | X28 Primeira División FS 2024/2025 | FCB 4-1 NPA
·6 de decembro de 2025 | X13 Primeira División FS 2025/2026 | NPA 0-1 FCB





Comments