CRÓNICA X13 PRIMEIRA DIVISIÓN FS (NPA 0–1 FCB) | Un orgullo xigante
- Departamento prensa Noia PA FS

- Dec 6, 2025
- 3 min read

Non puido ser, pero absolutamente nada que reprochar. O Noia Portus Apostoli FS e un abarrotado Agustín Mourís baleiráronse durante 40 minutos apaixonantes, nos que tan só un gol de rebote fixo a diferenza en favor dun Barça que ata o último suspiro sufriu o empuxe noiés.
O popular grupo musical galego ‘The Rapants’ deu a bandeira de saída a unha tarde de gala na Vila realizando o saque de honra. A continuación, deixaron paso ás estrelas do 40x20, unha denominación na que os xogadores do Portus Apostoli se puxeron á altura dos do transatlántico Barça.

O desborde dos de David Palmas era encomiable. Todo da súa parte puxo un plantel minado polas baixas -Altamirano, Macedo, Diego e Peixe perdéronse o duelo-. Concentrados ao máximo en cada balón, en cada ataque e en pechar o seu marco, con Schütt á cabeza. O meta brasileiro luciuse con algunha que outra detención de mérito, sobre todo unha a Eric Martel, ao que minutos despois lle anulaban un gol por man. Non menos perigo tivo preto Feixas ao outro lado. Churrasco, Ismael, David Pazos e incluso Koeman na súa única aparición no choque rozaron o tanto.
Faltou moi pouco
Os culés, incómodos durante todo o primeiro acto, apretaron o acelerador á volta do descanso coa entrada de Dídac e as súas incorporacións ao ataque. Soubo aguantar o tirón el Noia, que aos 3 minutos do reinicio sufriu outra sensible baixa. Froito dun golpe na cabeza con Churrasco, Schütt quedou tendido sobre o parqué, necesitando atención médica. O portero saíu da pista polo seu propio pé tras uns minutos de susto, e, por precaución, pechou a súa participación no envite, deixando o seu lugar a Iván.
O meta do Filial e os seus compañeiros atáronse aínda máis os machos para manterse imbatidos, sen esquecer a parcela de ataque. Aí intentárono con xogo de cinco, volvendo a poñer as cousas complicadas aos barcelonistas. En xeral, todo un exercicio de carácter e orgullo, que só tumbou un desgrazado desvío de Montero ao remate de Eric Martel, o xusto para que Iván non lograra facerse co balón, que supuxo o 0-1 no 35’.
O técnico do Portus Apostoli deu entrada de novo a Ismael como porteiro-xogador. Sinónimo de que o seu equipo ía tentalo todo ata o final. E xusto así foi. Antes, ameazaron seriamente Pazos e Ismael. Pero sobre a bucina tívoa Biel. Coa cabeza sacou Dídac na última milésima de partido a franca ocasión do á-pivote brasileiro que puido dar un mínimo e merecido premio a un Noia de baleiro en recompensa, pero espectacular en todo o demais.

Próximo partido
A vindeira semana, excursión para o Portus Apostoli, que comezará visitando ao Heredia 21 Málaga Ciudad Redonda FS o mércores 10 ás 20:30h polos oitavos de final da Copa do Rei FS.
Ficha técnica
Noia Portus Apostoli FS: Schütt (p), Montero, Thierry, Rubi e Biel. Tamén xogaron Iván (p), Varsalona, Leozin, Koeman, Douglas, David Pazos (c), Ismael e Churrasco.
Barça: Miquel Feixas (p), Antonio, Pol Pacheco, Adolfo e Pito. Tamén xogaron Dídac (p) (c), João Victor, Gauna, Matheus, Eric Martel, Mamadou Touré e Fits.
Goles: 0-1 Eric Martel (35’).
Os árbitros Óscar Ropero Lara y Samuel Gabaldón Rico, do comité valenciano, amoestaron con tarxeta amarela nos noieses a David Pazos (13’) e Leozin (14’). Nos culés, amarela ao adestrador Javi Rodríguez (40’).
Incidencias: partido correspondente á xornada 13 da Primeira División FS, disputado no Municipal Agustín Mourís de Noia ante uns 850 espectadores.











Comments