O equipo de David Palmas afronta un novo partido vital este domingo 19 ás 17:00h no Agustín Mourís, na 24ª xornada da Terceira División.
Por segunda fin de semana consecutiva, agarda unha final para o Noia Portus Apostoli B. Despois de vencer ao pechacancelas e, entre semana, conseguir un valioso punto na pista do terceiro, os noieses reciben ao penúltimo, un Redondela FS Maramar contra o que só vale a vitoria para continuar amarrando a permanencia.
Coa xeira negativa atrás, o cadro branco encara con maior positividade e optimismo este tramo final no que se adentra a Terceira División, e no que albisca nas próximas datas duelos directos pola salvación na categoría. Nos vindeiros catro encontros, tres dos rivais están por debaixo dos dirixidos por David Palmas na táboa, polo que impoñerse en todos eles antóllase fundamental.
Seguindo polo de este mesmo domingo contra o Redondela FS Maramar. Visita o Mourís un equipo con aínda máis urxencias, que dos últimos 21 puntos só logrou un, precisamente na anterior xornada, cun empate a catro fronte o Cidade de Narón. A pesar diso e da penúltima praza que ocupan na clasificación, os noieses son conscientes de que terán que deixar o 100% para bater a un conxunto co que, de feito, caeron na primeira volta, por 5-1.
Ideas claras e todos a unha nun Noia Portus Apostoli B enfrascado na misión permanencia, que pasará en boa parte por volver a facer un fortín do Mourís, onde levan sen gañar desde o 22 de xaneiro e que será tamén escenario de catro dos últimos sete compromisos do curso, comezando polo deste domingo 19 ás 17:00h.
Comments