O Filial quere esquecer canto antes a derrota de A Coruña e buscará, este sábado 9 ás 19:30h, superar ao Baíña FS, penúltimo da táboa.
Despois de caer a pasada xornada fronte o 5 Coruña FS, o Noia Portus Apostoli FS “B” non quere deixar pasar a oportunidade de redimirse canto antes. Os brancos tentarán volver ao camiño dos tres puntos este sábado 9 ás 19:30h, cando recibirán no Agustín Mourís ao Baíña FS – Granichan pola xornada 23 da Terceira División FS.
Un mal partido non empana o que está a ser unha temporada de, practicamente, matrícula de honra dos noieses, e tampouco fai saltar as alarmas no aspecto clasificatorio. Os de Daniel Ventoso lideran a táboa con 9 puntos de diferenza, unha cómoda vantaxe pero non definitiva. Con 8 encontros por disputarse e duelos directos na zona alta pendentes, aínda non hai nada totalmente decidido e o pé debe manterse no acelerador ata o final.
O mesmo deben pensar en Baiona, pero por motivos totalmente distintos. O Baíña FS – Granichan loita neste tramo decisivo de campaña por escapar dos postos de descenso que ocupa actualmente, ao ser 15º e penúltimo con 18 puntos. Malia a súa negativa situación, os amarelos lograron o triunfo nos seus dous anteriores compromisos ante O Korreo Guitiriz FS (3-4) e Cidade de Narón (6-3), polo que chegarán a Noia coa moral polas nubes para tentar dar a sorpresa na cancha do líder.
A por unha máis, co distintivo que sería deixar atrás o da anterior semana e lograr a 20ª vitoria da temporada, sempre mirando cara o obxectivo final, un soño de ascenso que pasa por seguir sumando para velo máis de preto.
Árbitros
Adrián García López e Yago Seijas Piñeiro.
Precedentes
·5 de novembro de 2023 | X8 Terceira División Fútbol Sala 2023/2024 | BAI 2-5 NPA “B”
Comments