top of page

PREVIA X23 FILIAL | CD Beade MVMB Copefri-Noia Portus Apostoli B

O conxunto filialista noiés afronta o que é practicamente unha final na súa visita aos vigueses, pechacancelas da táboa clasificatoria, este sábado 11 de marzo ás 16:30h.

Cinco xornadas sen gañar despois, á espera aínda do partido pendente por terminar contra o Pazos de Borbén, o Noia Portus Apostoli B encara a xornada 23 coa clara misión de gañar dunha vez por todas e espantar posibles graves problemas de cara ao futuro, buscando na visita ao pechacancelas CD Beade MVMB Copefri a necesaria reacción.


Os erros competitivos deste último treito de temporada colocan aos noieses nunha situación delicada, nada máis e nada menos que na loita por salvar a categoría. 11º con 24 puntos, están aínda cinco puntos por riba da teórica zona de descenso, pero todos os rivais apertan ao máximo chegando ás últimas datas. Ben o sabe o Portus Apostoli B, que o viviu nas súas carnes caendo recentemente contra Praias de Barreiros e a semana pasada ante Outeiro de Rei SD, dous cadros que tamén loitan pola permanencia.


Por iso, a cita desta xornada 23 é unha final para o equipo de David Palmas. Deixar escapar os tres puntos contra o 16º e último clasificado con 12 puntos, inmerso nunha xeira de nove derrotas consecutivas, sería unha perigosa imprudencia para un vestiario danado mentalmente, consciente de que, por xogo, quizais non merece estar onde está, pero asume a postura na que se atopa.


Non hai máis. Reaccionar xa ou sufrir o indicible de aquí ao final de temporada. Corenta minutos cunha importancia de enorme magnitude agardan aos noieses este sábado 11 de marzo ás 16:30h no Pavillón IES Beade, curiosamente, un lugar que a campaña pasada foi escenario dun gran resultado do Portus Apostoli B e que este ano, con máis razón, debe volver a selo.

bottom of page