top of page

PREVIA X22 FILIAL | Noia Portus Apostoli B-Outeiro de Rei SD

Os noieses buscarán outra semana máis regresar á senda da vitoria, recibindo este sábado 4 ás 18:00h ao Outeiro de Rei SD.

É a xornada 22, pero tamén un partido clave para o Noia Portus Apostoli B. Evitar que xurdan urxencias inesperadas pasa por abandonar a racha negativa de resultados das últimas semanas, misión que tentarán conseguir os brancos este sábado 4 ás 18:00h no Agustín Mourís, no duelo co Outeiro de Rei SD.


10º con 24 puntos, o Portus Apostoli B está, aínda, nunha posición certamente cómoda, a pesar de sumar 1 punto dos últimos 12. Mais, esa situación pode mudar para mal de non lograr un bo botín nos próximos encontros que lle veñen por diante aos de Palmas, precisamente enfrontándose aos actuais tres últimos clasificados da táboa de forma consecutiva.


O Outeiro de Rei SD ocupa a 14ª praza con 16 puntos, coa que, de terminar así, perdería a categoría. Paradoxicamente, o cadro lucense atópase nas semifinais da Copa Galicia, despois de superar en cuartos ao líder da Terceira División, o SD Xove FS. Un síntoma claro de que cómpre esquecer a posición na táboa con este Outeiro, que suma tres vitorias nos seus anteriores cinco encontros, a última na pasada xornada por 6-3 sobre o Cidade de Narón.


Se xa era antes o obxectivo, agora máis. O Portus Apostoli B precisa un bálsamo, e precisao de maneira inmediata, en forma de tres puntos que lle devolvan o sorriso e alonxen pantasmas.

Comments


bottom of page