top of page

PREVIA X21 SEGUNDA DIVISIÓN “B” FS | Noia Portus Apostoli FS “B” – Piensos Durán Albense FS | Oportunidade de mirar cara arriba


Venres, 14/02/2025 · 19:30h · Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS | Unha vitoria do Filial podería abrir a opción de loitar polo PlayOff (dom. 16/02, 12:30h).


Practicamente un agora ou nunca para o Noia Portus Apostoli FS “B” e, tamén, para outros equipos da zona media. Os de Guille Murillo reciben este domingo 16 ás 12:30h ao Piensos Durán Albense FS, que con 43 puntos é 4º e último pasaxeiro momentáneo dun PlayOff ao que se lle podería abrir unha ventá.


Con sufrimento, pero o Filial logrou o triunfo na súa visita a Siero a semana pasada, primeiro lonxe da casa na segunda volta e que dá un necesario apoio á destacable xeira que manteñen os brancos como locais, onde non perden desde finais de outubro, algo que intentarán prolongar nesta 21ª xornada. O seu bo momento no Mourís foi o gran sostén do Portus Apostoli “B” para manterse arriba na conxestionada clase media da táboa e, chegados a este punto, quen sabe se coa opción de poder soñar con algo máis.


E é que de superar ao Piensos Durán Albense FS, a distancia co PlayOff quedaría reducida a cinco puntos, cando hai unhas datas estaba por enriba dos dez. Ademais de polo bo facer de noieses e outros conxuntos, como o FS Salamanca Dehesa Grande ou o CD San Cristóbal, débese tamén ao tramo negativo de tres derrotas consecutivas que atravesaron os de Alba de Tormes, freado a pasada semana coa vitoria pola mínima contra Sibuscascoche Ribeira FS (4-3), que lles fixo caer da primeira á cuarta posición.


Un partido no que estarán postas moitas miradas. Porque o que semellaba estar resolto tras a primeira volta pode ter aínda moito que contar, e todo pasa polas mans dun Noia Portus Apostoli FS “B” que quere formar parte diso.


 

Precedentes

·19 de outubro de 2024 | X6 Segunda División “B” FS – Grupo I 2024/2025 | ALB 7-3 NPA “B”

Comments


bottom of page