top of page

PREVIA X19 TERCEIRA | Noia Portus Apostoli FS “B” – Cidade de As Burgas FS | Duelo con sabor a Entroido

No medio dunha fin de semana especial, o Filial recibe ao conxunto ourensán este sábado 10 ás 16:30h no Municipal Agustín Mourís.


O Portus Apostoli “B” non se detén nas festividades de Entroido, e afrontará este sábado 10 ás 16:30h no Agustín Mourís o seu encontro da xornada 19 do campionato ligueiro, recibindo a visita dos ourensáns do Cidade de As Burgas FS.


Coa da semana pasada, os de Daniel Ventoso xa suman 6 vitorias consecutivas e 18 xornadas á fronte da táboa da Terceira División FS, posición na que mantén 6 puntos de distancia sobre o segundo, o Distrito Ventorrillo FS, e 11 co terceiro, Ribeira FS. A punto de completar o segundo terzo da competición, os brancos só se centran en seguir o ritmo este sábado nun Mourís practicamente inexpugnable, onde só escaparon 3 puntos ata a data.


Por contra, o Cidade de As Burgas FS atópase nunha papeleta ben distinta. Os ourensáns están na 15ª praza, a penúltima da clasificación, con 11 puntos, a 5 do 13º que marca a potencial salvación. Os termais chegarán a Noia logo de dous empates consecutivos (4-4 en Guitiriz e 4-4 vs Cidade de Narón) que, xunto coa motivación do Entroido, un dos tramos do calendario máis agardados na súa zona, seguro lles darán folgos para tentar dar a sorpresa.


Nesta fin de semana de Entroido, o Filial noiés só ansía seguir vestindo e reforzando ese traxe de líder que tan ben lle senta, e do que agarda continuar facendo a súa pel ata que se aproxime o verán.


 

Árbitros

Dirixirán o encontro Roberto Pérez Giráldez e Alejandro Rodríguez Travieso.


Precedentes

·7 de outubro de 2023 | X4 Terceira División FS 2023/2024 | BRG 1-8 NPA “B”

Comments


bottom of page