O Filial disputará este sábado 3 de febreiro ás 19:15h o seu encontro da 18ª xornada da Terceira División FS no Paco Chao de O Carballiño.
Novo encontro para o Filial noiés, que pretende continuar con esa boa dinámica na que se atopa. Para iso, terá que lograr a vitoria este sábado 3 de febreiro en O Carballiño, onde visitará o Pavillón de Deportes Paco Chao ás 19:15h para verse as caras co sempre duro de roer Carballiño FS.
Tras sumar a pasada fin de semana o 15º triunfo do curso, os noieses seguen centrados en prolongar o ritmo e, polo menos, manter os 6 puntos de distancia co segundo clasificado, conscientes de que cada encontro é esencial para chegar ao tramo final da temporada no máis alto da táboa. Este será o primeiro choque do Portus Apostoli “B” en febreiro, mes no que tamén agardan Cidade de As Burgas, I. M. Galical Rábade FS e, finalmente, Sport Sala FS.
Os carballiñeses, pola súa parte, afrontan este partido co mesmo obxectivo pero distinta mentalidade. Tras o seu último empate a pasada xornada (4-4 na pista do Cidade de Narón), atópanse a 7 puntos de distancia dos postos de PlayOff, polo que teñen como prioridade deixar escapar os menos posibles de aquí a final de temporada, e máis como locais, condición na que só perderon un encontro ata a data.
O soño do equipo noiés continúa xornada tras xornada. Todo o conxunto rema na mesma dirección e sabe da importancia de manterse así e non confiarse, o que será clave para saír de O Carballiño co botín completo.
Árbitros
Adrián García López e Sergio López Ramudo dirixirán o encontro.
Precedentes
·10 de outubro de 2021 | X4 Terceira División FS 2021/2022 | NPA “B” 3-8 CAR
·5 de febreiro de 2022 | X19 Terceira División FS 2021/2022 | CAR 2-3 NPA “B”
·15 de outubro de 2022 | X5 Terceira División FS 2022/2023 | CAR 5-3 NPA “B”
·18 de febreiro de 2023 | X20 Terceira División FS 2022/2023 | NPA “B” 3-4 CAR
·1 de outubro de 2023 | X3 Terceira División FS 2023/2024 | NPA “B” 9-1 CAR
Comments