top of page

PREVIA X16 FILIAL (suspendido) | SD Pazos de Borbén FS-Noia Portus Apostoli B

O filial xogará este martes a porta pechada os catorce minutos restantes do partido da xornada 16 suspendido o pasado 14 de xaneiro na cancha pacense.

“Partido” raro e anticlimático o que lle agarda ao Portus Apostoli B este martes 14 ás 20:00h no Municipal de Pazos de Borbén. Primeiro, por ser en martes; e segundo, porque nin partido como tal será. O Xuíz de Competición determinou que os 14 minutos que lle restaban ao duelo entre noieses e pacenses da xornada 16 deberán xogarse, para terminar, a porta pechada, un encontro que transcorría cun 3-3 no marcador e pechar así un asunto aberto desde hai dous meses.


A diferenza de en xaneiro, os de Palmas chegan a este envite con urxencias de sumar, aliviadas pola vitoria do pasado sábado en Beade. Puntuar na pista dun dos aspirantes ao ascenso significaría seguir progresando na táboa e, ademais, coller confianza e inercia de cara á final da fin de semana, no duelo da xornada 24 contra o Redondela FS Maramar.


Os pacenses, que foron rivais do primeiro equipo en cuartos de final de Copa Galicia, encóntranse no que, por resultados recentes, é o seu peor momento do curso. Un empate contra o Distrito Ventorrillo FS e unha derrota contra O Korreo Guitiriz FS son os seus últimos precedentes, tendo en conta que non puideron xogar esta pasada fin de semana por condensación da pista do Concello de Begonte FS. Aínda así, o Pazos de Borbén plantarase como favorito para lograr os tres puntos, por posición e ambicións na táboa.


Un reto complicado pero tamén unha oportunidade que se lle presenta neste tortuoso camiño final ao Portus Apostoli B, que non está para desaproveitar ningún punto e tentará que o viaxe a Pazos de Borbén para disputar catorce minutos de partido vala a pena.

bottom of page