top of page

PREVIA X15 TERCEIRA | Noia Portus Apostoli FS “B” - Distrito Ventorrillo FS | Comeza o ano cun duelo por todo o alto

O Filial, agora dirixido por Daniel Ventoso, tratará de marcar a diferenza no directísimo choque entre primeiro e segundo, este domingo 14 ás 19:00h no Mourís.


O líder da Terceira División FS regresa á competición este domingo 14 de xaneiro ás 19:00h, e faino recibindo no Agustín Mourís ao segundo clasificado, o Distrito Ventorrillo FS, nun partido que, ademais de pechar a primeira volta, valerá máis que tres puntos nesa batalla pola punta de lanza da categoría.


Cunha importante novidade reaparecerá o conxunto filialista. Tras os últimos cambios acontecidos no Club, Daniel Ventoso asumiu as rendas do equipo. Xa adestrador do Xuvenil, Ventoso coñece de primeira man a gran parte do plantel do Portus Apostoli “B”, polo que apenas precisarán de adaptación técnico e xogadores, todos eles concienciados da importancia deste enfrontamento que pode marcar unha liña vermella no resto do campionato.


O Distrito Ventorrillo FS é, ata o momento, o equipo que máis de preto seguiu o ritmo de martelo dos noieses. Porén, malgastaron a opción de irse ao Nadal como colíderes, ao caer co Ribeira FS (4-5) no partido aprazado da xornada 9. Este domingo preséntaselles unha segunda oportunidade, xa que os coruñeses visitarán Noia na 2ª praza a 3 dos 36 puntos que posúen os nosos.


A términos de clasificación, o mellor partido que se pode ver neste grupo da Terceira División. Perfecto para poñerlle o desenlace ao capítulo inicial, ao que o conxunto branco ansía colocarlle un broche de ouro redondeando un transcurso case impoluto, con 12 vitorias e 2 derrotas ata a data, e, á súa vez, un treito potencialmente decisivo na táboa cos seus opoñentes.


 

Árbitros

Adrián García López e Yago Seijas Piñeiro.


Precedentes

·20 de novembro de 2022 | X10 Terceira División FS 2022/2023 | NPA “B” 2-8 VEN


·25 de marzo de 2023 | X25 Terceira División FS 2022/2023 | VEN 5-2 NPA “B”


Commenti


bottom of page