O Filial, líder do seu grupo da Terceira División FS, rematará este sábado 16 ás 19:00h o 2023 cunha difícil visita a Narón, na penúltima xornada da primeira volta ligueira.
O Noia Portus Apostoli FS “B” disputará este sábado 16 de decembro a partir das 19:00h o seu último encontro do ano 2023, visitando a pista do Cidade de Narón na xornada 14 e penúltima da primeira volta da Terceira División FS.
A vitoria por 8-1 do pasado domingo fronte O Korreo Guitiriz FS revitalizou as sensacións dos noieses, deixando atrás unha fochanca de dúas derrotas seguidas que lles permite continuar con 33 puntos ao fronte da zona alta da táboa. Dependendo dos partidos aprazados que teñen 2º, 3º e 4º clasificado, esta pode comprimirse de cara ao inicio da segunda metade de curso. Lograr o triunfo este sábado permitiría, case con total seguridade, chegar ao primeiro duelo do 2024, ante o máximo perseguidor Distrito Ventorrillo FS, en vantaxe clasificatoria, sen mirar eses encontros pendentes.
Boa falta lle fan tamén as unidades ao Cidade de Narón se non quere descolgarse dos de arriba. Froito de cinco choques seguidos sen gañar, cun empate e catro derrotas, os naroneses sitúanse 10º con 16 puntos, buscando o seu lugar na táboa. Terminar o ano con boa sintonía e facéndose fortes na casa debe ser a prioridade dos amarelos, que tentarán dar o golpe na mesa fronte o líder.
Chega ao seu fin un ano, no seu tramo final, practicamente perfecto para o Filial. Dunha sufrida salvación a verse, grazas ao talento e o gran traballo, como primeiro. A este 2023 só lle resta un último paso, tan importante e relevante como os anteriores para que o 2024 que se vén sexa aínda mellor que o que queda atrás.
Árbitros
Adrián González Paulo e Sergio López Ramudo.
Precedentes
·8 de outubro de 2022 | X4 Terceira División FS 2022/2023 | NAR 1-4 NPA “B”
·4 de febreiro de 2023 | X19 Terceira División FS 2022/2023 | NPA “B” 2-2 NAR
Comments