top of page

PREVIA X12 PRIMEIRA DIVISIÓN FS | Noia Portus Apostoli FS – Movistar Inter FS | Despedir o ano cunha merecida alegría


Venres, 27/12/2024 · 16:20h · Imaxe: Foto Pichero | Os brancos pechan o 2024 recibindo ao líder (sáb. 28/12, 13:00h, FEF TV) e coa única misión de destapar a cortiza das vitorias.


O Nadal non detén a competición esta temporada, cunha Primeira División FS que afronta a súa última xornada do ano na última fin de semana do mesmo, co Noia Portus Apostoli FS recibindo ao Movistar Inter FS este sábado 28 ás 13:00h, nun duelo de contrastes entre último e primeiro da táboa.


Semana de traballo atípica para os noieses, co lóxico descanso do mércores no día de Nadal, pero sen perder o foco no só obxectivo: lograr esa primeira vitoria que se segue resistindo nesta Liga e que tampouco chegou na pasada data na pista de Industrias Santa Coloma, onde os brancos encaixaron unha derrota que, unida ao triunfo do ATP Iluminación Tudelano Ribera Navarra FS fronte a Wanapix Sala 10, déixalles a 5 puntos da salvación a falta de 4 partidos para concluír a primeira volta.


Se as ganas de saír desta negativa dinámica ligueira non foran poucas xa, o vestiario noiés terá un extra de motivación ao enfrontarse nada máis e nada menos que ao líder da competición. Con 25 puntos en 11 encontros, Movistar Inter FS está realizando un inicio de curso fabuloso, con moito poderío ofensivo -Cecilio é o máximo anotador da Liga con 12 dianas- e solidez defensiva -son o 2º equipo con menos goles encaixados-, acorde co seu gran plantel e estatus de Club máis laureado do mundo do fútbol sala. No seu anterior compromiso, os de Alberto Riquer igualaron a cinco tantos contra o Quesos Hidalgo Manzanares FS. Será un partido especial para David Pazos e Rubi, con pasado no equipo interista, e, sobre todo, para Montero, produto da academia deportiva dos madrileños cedido en Noia.


Acábase 2024 e atrás queda un ano de moita aprendizaxe, na vitoria e na derrota, para a familia noiesa. Por diante está un 2025 ao que a mellor maneira de darlle a benvida sería pechando o aínda presente cunha merecida alegría para equipo e afección, no calor dun Mourís que xa sabe o que é derrocar a un xigante como Movistar Inter e que quere volver a facelo.


 

Declaracións previas



Entradas

Á venda na páxina web noiafs.compralaentrada.com/eventos. Se quedan dispoñibles, poñeranse á venda na porta de acceso do Municipal Agustín Mourís a partir das 11:30h. Toda a información sobre a venda de entradas, AQUÍ.


Emisión en directo

O duelo contará coa emisión en directo e en exclusiva a través da plataforma de pago FEF TV, por web e app, este sábado 28 a partir das 13:00h.


Árbitros

Eder Gómez de Salazar Fernández, do comité vasco, e David Urdánoz Apezteguía, do comité navarro. Con de Salazar Fernández balance dunha vitoria e tres derrotas; con Urdánoz Apezteguía, dúas vitorias e unha derrota.


Precedentes

·16 de decembro de 2022 | X14 Primeira División FS 2022/2023 | MOV 4-3 NPA


·13 de maio de 2023 | X29 Primeira División FS 2022/2023 | NPA 2-2 MOV


·9 de decembro de 2023 | X15 Primeira División FS 2023/2024 | NPA 6-3 MOV


·11 de maio de 2024 | X30 Primeira División FS 2023/2024 | MOV 5-0 NPA

Comentários


bottom of page