top of page

CRÓNICA X9 LIGA PRIME FUTSAL – TORNEO APERTURA (VAV 4–2 NPA) | A falta de acerto condena en Valdepeñas

2 hours ago
4 min read
Sábado, 21/11/2026 · 18:44h · Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS | A pouca puntería nos momentos claves lastrou aos noieses no Virgen de la Cabeza.
Sábado, 21/11/2026 · 18:44h · Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS | A pouca puntería nos momentos claves lastrou aos noieses no Virgen de la Cabeza.

O Noia Portus Apostoli FS callou un bo partido no Virgen de la Cabeza de Valdepeñas, pero detalles como o pouco acerto de cara a portería terminaron por custarlle a derrota (4-2), cuarta consecutiva no Torneo Apertura da Liga Prime Futsal.


Os noieses acudían aínda con varias baixas, pero recuperando outros tantos efectivos. Era o caso de Leozin, quen non tivo minutos pero si completou un novo paso, ao regresar a unha convocatoria once meses despois. Impulsados por esa ganancia de pezas, comezaron forte o partido no ‘Inferno’, fluídos coa pelota e cercando o marco viñateiro. Mykytiuk, un dos tres internacionais que se perdeu o anterior choque, dispuxo da primeira ocasión reseñable, cun remate envelenado salvado por Pato. Máis clara foi a de Macedo, que non conectou da mellor maneira o seu disparo en posición franca ante a meta rival.


Un golazo de equipo | Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS
Un golazo de equipo | Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS

O positivo inicio branco non tivo recompensa no marcador, ao contrario que cando o Viña Albali Valdepeñas conseguiu desembarazarse. Cun chisco de fortuna no seu disparo, Juanan adiantou aos valdepeñeiros no minuto 11 nunha rápida transición. A reacción do Portus Apostoli foi instantánea. Practicamente na posterior, unha acción combinativa formidable de equipo acabou no fondo das mallas por medio de Macedo, atento para aparecer na área a servizo de Dani Colón.


A igualdade do electrónico reproduciuse tamén sobre o parqué azul da Liga Prime Futsal. Cada balón disputábase ao máximo entre ambos equipos, conscientes da importancia do seguinte tanto, e as ocasións aparecían en ambos costados con frecuencia. Porén, e a pesar do rush final branco polas cinco faltas no haber local, o resultado mantívose en táboas ao descanso.


Un minuto fatídico


Os de David Palmas reiniciaron na mesma boa sintonía. Pero, outra vez, pecaron de falta de puntería á hora da verdade. Altamirano, cun punteirazo repelido por Pato, e Dani Colón, cuxo disparo en posición ventaxosa perdeuse por liña de fondo, tiveron as mellores para poñer aos seus por diante. E, ao igual que minutos antes, os noieses pagárono caro. Nuns poucos segundos do 25’ de xogo, Carlos Bartolomé converteu un dobrete que elevou o 3-1 ao electrónico.


Xa fora polo inesperado ou o veloz de ambas dianas, o Noia transitou a continuación un tramo grogui ante o empuxe dun equipo e unha afección valdepeñeira que buscaron máis. Soubo pasar o trago o cadro branco para, xa nos últimos dez minutos, dar un paso á fronte no que volveron a meterse no marcador. Saque de esquina lanzado por Thierry, simulacro de volea de Mykytiuk, pase ao corazón da área de Altamirano e para dentro Dani Colón, devolvendo toda a esperanza.


A 'xustiña' acción do brasileiro decantou o rumbo do partido | Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS
A 'xustiña' acción do brasileiro decantou o rumbo do partido | Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS

Inmersos na tarefa de buscar o seguinte gol, un balón en largo sobre os dominios visitantes cambiou totalmente o panorama. Os colexiados consideraron, tamén tras a consulta no monitor do SV, que Di Fanti despexara de puños fóra da área, castigando a moi axustada acción ademais con vermella directa, a pesar de que o esférico non tomaba dirección a portería. Co brasileiro desfilando a vestiarios, o filialista Cristian colocouse entre paus, e nada puido facer no remate directo de João Silveira, propiciando que Viña Albali Valdepeñas se afastara de dous a falta de tres minutos. Respondeu David Palmas dando entrada a Thierry como porteiro-xogador, mecanismo co que, a pesar do bo facer e un lanzamiento de Macedo á madeira incluído, volveron a frustrarse nun camiño ao gol que, claramente, foi a gran materia pendente en Valdepeñas.


Tras este resultado e a falta da disputa do groso da xornada 9, o Noia Portus Apostoli FS sitúase 13º con 7 puntos tras 8 partidos xogados, cinco unidades de marxe sobre os dous postos que serían de descenso e a sete do top 6.


Próximo partido


Estrea na XXXV Copa Galicia FS para os noieses o vindeiro mércores 25 a partir das 21:00h, co partido de cuartos de final na pista do IES Coruxo FS.



Ficha técnica

Viña Albali Valdepeñas: Pato (p), João Silveira, Torres, Álex Naranjo (c) e Carrasco. Tamén xogaron José Mario, Nicolás, Álex Fonseca, Tapias, Carlos Bartolomé, Pablo Otero e Juanan.


Noia Portus Apostoli FS: Di Fanti (p), Mykytiuk, Thierry, Altamirano (c) e Dani Colón. Tamén xogaron Cristian (p), Montero, Macedo, Juampi Cuello, Biel e Rubi.


Goles: 1-0 Juanan (11’), 1-1 Macedo (12’), 2-1 Carlos Bartolomé (25’), 3-1 Carlos Bartolomé (25’), 3-2 Dani Colón (33’), 4-2 João Silveira (37’).


Os árbitros Iván López Galiano, do comité catalán, e Jorge González Moreta, do comité madrileño, amoestaron con tarxeta amarela aos noieses Macedo (13’), Di Fanti (26’), Biel (29’), Dani Colón (33’) e Juampi Cuello (40’). Viu a vermella directa o noiés Di Fanti (37’).


Incidencias: partido correspondente á xornada 9 do Torneo Apertura da Liga Prime Futsal, disputado no Pavillón Virgen de la Cabeza de Valdepeñas ante uns 2000 espectadores.

Comments


bottom of page