top of page

PREVIA X10 TERCEIRA | SD Pazos de Borbén FS-Noia Portus Apostoli FS “B” | Dura proba para a décima

O Filial noiés tentará conseguir a décima vitoria consecutiva na que, probablemente, sexa a cita máis esixente ata o momento, contra un dos equipos que o ano pasado loitou polo ascenso, este domingo 19 ás 17:00h.



O Noia Portus Apostoli FS “B” visita este domingo ás 17:00h un dos máis complicados rivais nesta recta final de primeira volta, na que por agora os noieses só coñecen a vitoria. Lograr a décima seguida pasa por superar a un SD Pazos de Borbén FS que, hai uns meses, disputou o PlayOff de ascenso a Segunda B.


Con 27 puntos de 27 posibles, a xeira do Filial toma tinguiduras de equipo que, polo menos, loitará por todo nesta Terceira División FS. E, coa tranquilidade que outorga esa renda, son escenarios como o Municipal de Pazos de Borbén os que miden a capacidade dun conxunto que atravesa un excepcional estado de graza.


7º con 13 puntos, 4 vitorias, 1 empate e 4 derrotas, o inicio de campaña do SD Pazos de Borbén FS non é o agardado, despois dunha 22/23 na que sempre estivo arriba, amosando un bo fútbol sala, e terminou ás portas do ascenso á Segunda División B. Pouco se pode fiar o cadro filialista do ritmo dos pacenses, un equipo que se fai máis forte na casa e que, se quere recortar cos postos de arriba, precisa sumar ante calquera, e que mellor que contra o líder.


En ningún momento se propuxo o Filial chegar ata aquí. O seu xogo e os seus resultados colocárono ante a posibilidade de lograr un tan espectacular como especial 10º triunfo seguido que lle continúe metendo terreo aos inmediatos perseguidores.


 

Árbitros

Adrián Buján Barciela e Alejandro Godar Calvar.


Precedentes

·17 de setembro de 2022 | X1 Terceira División FS 2022/2023 | NPA “B” 1-4 PAZ


·14 de marzo de 2023 | X16 Terceira División FS 2022/2023 | PAZ 3-3 NPA “B”

bottom of page