O Filial noiés arranca a súa cuarta temporada na Terceira División este domingo 17 de setembro ás 17:30h no Municipal Agustín Mourís.
Chega o momento da estrea para o Noia Portus Apostoli FS “B”, que inicia o seu cuarto capítulo na Terceira División nacional recibindo na pista do Municipal Agustín Mourís ao Grupo Forma-t Vilalba FS “B”.
Os dirixidos por David Palmas comezaron os adestramentos de pretemporada o pasado 22 de agosto, cun plantel dominado máis que nunca pola xuventude e algunhas caras novas que xa comezan a ter presenza co primeiro equipo, como Iván e Lukas.
O rival nesta xornada inaugural da 23/24 será un recentemente ascendido e debutante na categoría, ademais doutro filial. O Grupo Forma-t Vilalba FS “B” vive inmerso nunha progresión meteórica, con dous ascensos nos dous últimos anos, e tentará asentarse canto antes nesta nova categoría que supón o seu teito, ao estar o seu equipo principal en Segunda División B.
Co obxectivo de seguir progresando como xogadores e non poñerse ningún límite, este domingo 17 de setembro ás 17:30h empeza unha nova experiencia para o Noia Portus Apostoli FS “B” plenos de ganas e ilusión.
Comments