top of page

PREVIA AMISTOSO PRETEMPORADA | Noia Portus Apostoli FS vs Pescados Rubén Burela FS | O primeiro derbi pre Liga


Venres, 06/09/2024 · 20:05h · Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS | Os noieses veranse as caras co outro conxunto galego de Primeira este sábado 7 ás 19:00h no Municipal de Bertamiráns.


Segundo test e sobe a dificultade. O Noia Portus Apostoli FS enfróntase este sábado 7 ás 19:00h ao outro equipo galego que militará en Primeira División FS esta temporada 2024/2025, o Pescados Rubén Burela FS, co Pavillón Municipal de Bertamiráns como escenario neutral do primeiro dos choques entre ambos cadros este curso.


Os noieses enfócanse en seguir progresando no seu modelo de xogo e en adquirir esas dinámicas e sinerxias entre xogadores que tan importantes resultan durante o transcurso da campaña, achegándose xa á fase central dunha larga pretemporada, pero aínda a máis dun mes de arrancar o campionato ligueiro. A primeira proba, unha semana atrás en Ferrol, deixou claro que o equipo vai por bo camiño, polo visto nunha gran primeira metade, aínda que, obviamente, con moita marxe de mellora, apreciable nun segundo acto irregular. Para o duelo de Bertamiráns, o Portus Apostoli dispoñerá dunha novidade, co regreso de Altamirano, quen era o último por incorporarse á preparación.


Esta fin de semana, o rival dos brancos será o Pescados Rubén Burela FS, que disputará o seu primeiro partido tras recuperar o estatus de conxunto de Primeira despois de dúas temporadas. Os laranxas acometeron, ata o momento, lixeiras modificacións con respecto ao plantel que festexou o ascenso en Vista Alegre en xuño, entre os que estaba o noso Álex García en calidade de cedido. Os brasileiros Juninho e Meira e o chileno Bernardo Araya son os reforzos confirmados polo equipo de David Rial, que continuará contando no seu núcleo duro cos Isma, Alberto, Kaluza ou Malaguti, entre outros. En 12 días, os dous representantes galegos na elite volverán a verse as caras nun novo amistoso, e nesa ocasión será en terras lucenses.


Dous enfrontamentos en pretemporada máis, como mínimo, outros dous oficiais por diante. Tras máis de dous anos sen disputar un choque entre eles, noieses e bureleses reavivarán unha sa rivalidade comunitaria nesta 2024/2025, aínda que o que ambos buscarán este sábado en Bertamiráns é seguir dando pasos positivos no seu desenvolvemento de cara á competición.


 

O desprazamento

Ás 17:15h arrancará o autobús do Portus Apostoli dirección Bertamiráns. Tras o duelo, regreso a Noia.


Venda de entradas

O FC Meigas é o Club organizador do encontro. Prezos de 2€ para adultos e gratis para nenos/as. A reserva de entradas, a través do 621 04 33 27 (vía WhatsApp) con nome do solicitante e número de entradas que se precisen.


Emisión en directo

O partido non será emitido en directo por ningunha plataforma.


Precedentes (últimos 5 partidos de competición oficial)

·8 de decembro de 2018 | X13 Segunda División FS 2018/2019 | NPA 2-9 BUR


·13 de abril de 2019 | X28 Segunda División FS 2018/2019 | BUR 3-3 NPA


·9 de xaneiro de 2021 | XXIX Copa Galicia – Final | BUR 5-2 NPA


·13 de abril de 2022 | XXX Copa Galicia – Ida de semifinais | NPA 5-3 BUR


·3 de maio de 2022 | XXX Copa Galicia – Vuelta de semifinais | BUR 3-1 NPA (penaltis, 1-3)

Comments


bottom of page