top of page

#NoiaPAFSnaEscola | Baño de masas no Colexio Jaime Balmes!

  • 24 minutes ago
  • 1 min read
Xoves, 30/04/2026 · 17:22h · Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS | Máis de 300 nenos e nenas do centro gozaron dunha gran tarde cos nosos.
Xoves, 30/04/2026 · 17:22h · Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS | Máis de 300 nenos e nenas do centro gozaron dunha gran tarde cos nosos.

O #NoiaPAFSnaEscola continuou o pasado luns 27 no Colexio Jaime Balmes. Os xogadores Diego, Biel, Altamirano e Leozin, xunto co adestrador David Palmas e o psicólogo Cristhian Fernández, visitaron o centro noiés na cuarta parada da serie de visitas que o Club está a desenvolver por institucións educativas da comarca, co obxectivo de dar a coñecer a súa actividade e promover os valores e os hábitos saudables asociados á práctica deportiva.


Os máis de 300 nenos e nenas presentes puideron coñecer da man de todos eles e de Brais Romero, director da Escola Deportiva noiesa, o funcionamento e a estrutura do Noia Portus Apostoli FS, así como o día a día dun equipo de Primeira División de fútbol sala. Tamén houbo oco para a sorpresa, coa aparición espectacular de Berberechín, mascota do Club, que fixo saltar de alegría aos máis pequenos.


Imaxes: Manuel Lorenzo/Noia PA FS


Por último, realizáronse varios sorteos de camisetas do Primeiro Equipo e de entradas para o encontro que se disputou este pasado martes contra o Quesos El Hidalgo Manzanares FS, ademais dunha sesión de sinaturas e de fotografías cos xogadores e membros do corpo técnico asistentes.

Comments


bottom of page