top of page

A histórica primeira Copa de España Xuvenil do Noia Portus Apostoli FS xogarase do 11 ao 13 de abril en Murcia


Xoves, 23/01/2025 · 12:50h | Os nosos coñecerán ao seu rival en cuartos no sorteo deste venres 24 ás 12:00h.


O Xuvenil DH do Noia Portus Apostoli FS xa sabe onde e cando disputará a súa histórica primeira Copa de España Xuvenil. A Rexión de Murcia acollerá do 11 ao 13 de abril a edición de 2025, na que os líderes dos oito grupos ao término da primeira volta ligueira se xogarán o cetro do torneo máis emocionante da temporada.


42 puntos de 45 posibles, 14 vitorias en 15 partidos, 80 goles a favor e 30 en contra son os números dos de Daniel Ventoso, que sacaron o seu billete á competición a falta de dous partidos para rematar o que foi unha primeira volta espectacular, máis tendo en conta que se trata da súa campaña de regreso á categoría tras moitos años lonxe dela.


Estes son os sete conxuntos que, xunto ao noiés, pugnarán por erguer o trofeo na gran final do 13 de abril: Trepalio León Sala (Grupo 2), Futsal 54 Mataró CE (Grupo 3), MRB FS Móstoles (Grupo 4), EOM Equipo Jurídico Jaén Paraíso Interior FS (Grupo 5), Wanapix Alagón Multiservicio AD Sala 10 (Grupo 6), SD Colegio El Pilar Valencia de la FEMDL (Grupo 7) e Doctoral FS (Grupo 8). Só o líder do grupo 6 repite presenza con respecto aos oito do curso pasado.


O sorteo de cuartos, mañá ás 12:00h

O seguinte detalle que coñecerán os brancos será o seu rival en cuartos e o camiño á gran final. Mañá venres 24 ás 12:00h desde a Sala Iberia da Cidade do Fútbol de Las Rozas, a RFEF realizará o sorteo de emparellamentos de cuartos de final e cadro desta Copa de España Xuvenil 2025. Dito sorteo poderase seguir en directo a través das canles oficiais da RFEF.

Comentários


bottom of page