top of page

O Portus Apostoli incorpora a catro promesas do fútbol sala galego á súa estrutura

Lukas, Álex López, Gandoy e Iván, este último quen xa está realizando a pretemporada ás ordes de Tomás de Dios, únense ao club, onde xogarán co Filial en vistas de nutrir nun futuro ao primeiro equipo.

De esquerda a dereita: Lukas Ramos, Álex López, Álvaro Gandoy e Iván Fernández (foto: Manuel Lorenzo)

O Noia Portus Apostoli FS amplía a súa intención de construír proxecto a través de produto galego do noso deporte, coas chegadas de catro xogadores con grande proxección á entidade. Todos eles disputarán a temporada 23/24 no Filial, que iniciará os adestramentos de pretemporada o luns 21 con estas catro novas caras, con perspectiva de crecemento ata o primeiro equipo.

O á-peche Lukas Ramos, os ás Álex López e Álvaro Gandoy e o porteiro Iván Fernández reforzarán ao conxunto dirixido por David Palmas na que será a cuarta campaña consecutiva do cadro filialista na categoría. Procedentes do 5 Coruña FS, os catro formaron parte do equipo coruñés cuartofinalista en 2022 e semifinalista en 2023 do Campionato de España de Clubes, eliminados ambas veces polo Barça, e da Selección Galega Sub-19 que se quedou ás portas da pasada final do Campionato de España de Seleccións Autonómicas, compartindo presenza nesta última competencia co noiés Pau Codony. Ademais de ser destacados en categorías base e a pesar da súa xuventude (todos son nados en 2004), xa acumulan unha fonda bagaxe na Terceira División co seu anterior club.


Tanto Lukas Ramos como Iván Fernández xa realizaron a pretemporada de 2021 co primeiro equipo do Portus Apostoli, e, de feito, este último e o antes mencionado Pau Codony son os dous do Filial que están ás ordes de Tomás de Dios desde o 24 de xullo, aprendendo e mellorando ao carón de xogadores da elite do fútbol sala nacional, escenario no que aspiran a estar nun futuro próximo.

Comentarios


bottom of page