
Martes, 18/02/2025 · 10:45h · Imaxe: Foto Pichero | O de Ames alcanzou o medio centenar de encontros como noiés en Tudela.
O partido no Ciudad de Tudela contra o ATP Iluminación Tudelano Ribera Navarra FS foi un especial para David Pazos. E é que, ademais de lograr un triunfo importante para saír de postos de descenso ao que aportou un pase de gol, o á de Ames alcanzou os 50 choques oficiais vestindo a camiseta do Noia Portus Apostoli FS.
Nunha temporada e media como noiés, desde a súa chegada en verán de 2023 e o debut oficial en Cartaxena o 2 de setembro, David Pazos cumpriu o medio centenar de encontros, nos que anotou 23 tantos (16 deles en Liga) e repartiu 16 asistencias. Nese período contribuíu a, entre outros, a permanencia en Primeira e a conquistar a XXXII Copa Galicia.
Dous cursos máis por diante
A cifra de 50 partidos chega apenas unhas semanas despois de anunciarse a súa renovación co Noia Portus Apostoli FS por dúas temporadas máis, ata xuño de 2027. Sobre iso, o protagonista afirmou no seu momento que Noia “é o meu sitio” e que o Club “dame cousas que ningún outro Club do mundo me pode dar e iso pesa na toma de decisións”.
Unha ampliación que responde ao seu estatus dentro do vestiario, que o elixiu como terceiro capitán do plantel esta campaña, e na pista, onde se erixiu como un dos xogadores máis importantes polo seu rendemento.
Por agora son 50 partidos, pero á afección do Agustín Mourís aínda lle quedan moitos máis por gozar de David Pazos coa camiseta do seu Noia Portus Apostoli FS.
Comments